Destacados resultados valdeorreses no LIV Descenso do Sil Memorial Julián Trincado Settir que se celebraba na tarde deste 10 de setembro, no marco das Festas do Cristo do Barco. Arredor das 20:30h. tiña lugar a entrega de premios no Paseo do Malecón do Barco, na que o Fluvial Barco subía ata en 7 ocasións ao podio, convertíndose ademais no ganador por club con 1.249 puntos, seguido polo Piragüismo Cidade de Lugo con 1.158 puntos e polo Piragüismo Olívico con 644 puntos.
A sorpresa producíase na categoría K-1 sénior na que o padexeiro Jesús Rodríguez León (Fluvial Barco), ata agora invicto no Sil, era superado polo tamén barquense Adrián Prada Pérez (Club Piragüismo Verducido-Pontillón) cunha notable vantaxe de case un minuto.
“Foi unha carreira bonita sobre todo ata a metade do río íamos tres embarcacións xuntas e sabía que ía ser unha competición difícil porque está Jesús, que coñece moi ben o río, e outros competidores que veñen de fóra que tamén se defenden moi ben nos ríos, pero en Éntoma logrei escapar só e cheguei só á meta”, comentaba Adrián Parada en declaracións ao Periódico O SIL. O terceiro posto nesta mesma categoría K-1 sénior era para Saúl Rodríguez, tamén do Fluvial Barco.
Ademais, o club valdeorrés colleitaba outros dous podios en K-1 máster da man de Fernando García, que vencía na proba, e de Rubén Ondoño, cunha terceira posición. Tamén terceiros, pero en junior K-2 eran Nicolás Díaz e Daniel Núñez, mentres que o K-2 sénior de Sergio Ruiz e Aitor López quedaba subcampión.
Outros tres podios valdeorreses viñan da man de padexeiros do Fluvial Avión Castrelo de Miño: Iria Ramos era segunda en K-1 júnior, Kissy Torres ganaba en K-2 máster xunto a Mónica Piñeiro e Pedro Andrés era terceiro en K-2 máster, con Javier Piñeiro.
Recoñecementos
A entrega de premios viña precedida pola entrega dos premios do 2º Descenso Popular e tamén por recoñecementos a persoas e entidades que colaboraron coa organización para facer posible este 54 Descenso do Sil: Acoval, Pablo Israel, Iberdrola e Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Así mesmo entregabáselle un agasallo ao autor do cartel desta edición do Descenso do Sil, quen a cedeu á organización, o valdeorrés Manuel Juan Otero.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos:
https://osil.info/o-barquense-adrian-prada-perez-campion-en-k-1-senior-do-descenso-do-sil/
https://osil.info/o-espectaculo-do-descenso-do-sil-dende-o-cachon-o-barco/