En portadaÚltima hora

Atopan sen vida ao veciño de San Xulián (A Rúa) desaparecido o mércores

 

Conforme pasaban as horas diminuía a esperanza de atopalo con vida . “Xa non sei que pensar. Buscamos por todas partes e nada”, aseguraba esta mañá Rosa, a irmá de Marino Fernández Macías (Moucho) o octoxenario veciño de San Xulián (A Rúa) desaparecido dende o mércores pola tarde. E unhas horas máis tarde confirmábase o seu falecemento.

Os medios oficiais de emerxencia (incluído helicóptero e unidade de Drons) así como os voluntarios de Protección Civil, especialmente da agrupación da Rúa, levaban dous días de busca incansable polo pobo e o monte sen atopar nin rastro de Moncho que tiña problemas de oído e visión, entre outros.

Esta mañá sumábanse á busca un grupo de voluntarios que atendían á petición de axuda da familia ata que, en torno ás catro da tarde, remataba da peor forma posible. O corpo sen vida de Marino aparecía por fin nun regato, cerca da entrada do pobo. “Pasouse por aí moitas veces pero non se viu ata agora”, aseguran dende Protección Civil da Rúa, na busca dende o primeiro momento.

 

 

Os membros do GES de Valdeorras, que se atopaban na procura do home, localizaron o corpo do octoxenario, no regato de Carballido, por debaixo do pobo de San Xulián, segundo vén de comunicar o 112 Galicia.

O ancián, veciño do lugar de San Xulián, fora visto por última vez na eira da súa casa, tras o xantar, o pasado día 10. Tras pasar a tarde e sen ter noticias do home, un familiar contactou co 112 Galicia sobre as 22:00 horas para informar da desaparición. Engadía, ademais, que malia os problemas de saúde, adoitaba pasear pola aldea.

 

 

Desde ese intre, tras pasar aviso á Garda Civil, os axentes encabezaron o operativo de busca no que participaron ademais dos familiares, amigos, veciños e persoal do Concello, os servizos sanitarios de urxencia, a Policía Local, os membros do GES da Veiga e de Valdeorras, os voluntarios das agrupacións de Protección Civil da localidade, Petín, Larouco, Vilamartín, A Veiga, O Bolo, Maceda e Manzaneda. Así mesmo, ademais da intervención do helicóptero da Garda Civil, contouse coa colaboración dos técnicos da Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias e da Unidade Canina da Asociación Protemer de León, segundo os datos aportados polo 112 Galicia.

Con todo, pese ao amplo dispositivo, sobre as catro desta tarde, a Garda Civil comunicaba ao 112 Galicia que os membros do GES de Valdeorras localizaran ao ancián falecido.

Artigos relacionados

Back to top button