CulturaCulturaÚltima hora

“Auga Seca”, con produción valdeorresa, primeira serie en galego aspirante aos Premios Platino

Este drama policial, unha coprodución de Portocabo (cuxo director xeral é o petinés Alfonso Blanco) e a portuguesa SPI, foi seleccionada entre máis de 600 producións de 23 países iberoamericanos

Imaxe da segunda tempada da serie “Auga Seca”./ Foto: Felipe Feio.

 

A primeira tempada da serie “Auga Seca”, un drama policial situado no tráfico de armas e producida por Portocabo (cuxo director xeral é o valdeorrés Alfonso Blanco) e SP-i para RTP, TVG e HBO, vén de converterse na primeira serie en galego preseleccionada nos VIII Premios Platino do Cine Iberoamericano pasando unha primeira fase entre máis de 600 producións de 23 países iberoamericanos. As categorías nas que destaca esta ficción son: a de Mellor interpretación feminina en miniserie ou teleserie (Victoria Guerra) e a de Mellor interpretación masculina de reparto en miniserie ou teleserie (Adriano Luz).

Os Premios Platino (organizados pola Entidade de Xestión dos Dereitos Audiovisuais (EGEDA) e a Federación Iberoamericana de Produtores Cinematográficos e Audiovisuais (FIPCA) en colaboración coas Academias e Institutos de Cine) recoñecen cada ano as mellores series de produción iberoamericana e aos profesionais que participaron nelas. As obras finalistas coñeceranse a finais do mes de xuño e os premios entregaranse en outubro de forma presencial.

A segunda tempada de “Auga Seca”

Na súa segunda tempada, que se estreará proximamente, “Auga Seca” afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas incorporacións como Pêpê Rapazote, Luana Piovani e Gonçalo Waddington.

Auga Seca é unha serie de Portocabo coproducida coa produtora portuguesa SPi para a Rádio e Televisão de Portugal e a Televisión de Galicia. HBO España e Portugal acollerán tamén nos seus catálogos esta segunda temporada. A primeira entrega, xa dispoñible, é a primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma.

Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral de SP-i. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font.

 

O petinés Alfonso Blanco “Fosco”, produtor de “Auga Seca” e de “Cuñados”.

 

“Cuñados” inicia a súa sexta semana en salas

A comedia galega “Cuñados”, dirixida por Toño López, continúa a manterse como o filme máis visto en Galicia dende que se estreou en cines o pasado 9 de abril. Producida polo petinés Alfonso Blanco de Portocabo, “Cuñados” é un filme de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. A película, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez comezará a partir deste venres a súa sexta semana en salas.

Artigos relacionados

Back to top button