Durante estas semanas de estado de alarma tense rexistrado un incremento “considerable” da venda dos viños valdeorreses en determinados canais. Así se conclúe nun informe que analizan neste xoves nun encontro por videoconferncia o conselleiro do Medio Rural e os representantes dos consellos reguladores vitivinícolas galegos, entre os que se atopaba o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.
“Como consecuencia do peche de negocios de hostalaría e a situación de confinamento, produciuse un aumento nas vendas de viño tanto en supermercados coma no ámbito online. Así, no que atinxe aos viños valdeorreses, a suba rexistrada na última semana da que hai datos dispoñibles (a que comezou o 20 de abril) foi dun 26,6%, con respecto ás mesmas datas do ano anterior, en vendas en hiper e supermercados. Porén, na semana que deu comezo o 13 de abril, a suba foi dun 40% (con respecto á mesma semana de abril de 2019). De entre as denominacións de orixe galegas, só a das Rías Baixas presenta subas porcentuais maiores neste apartado”, tal e como se informa dende o CRDO Valdeorras.
Xunto a isto, “a venda por canais online (webs de hipermercados, supermercados e adegas) dos viños valdeorreses aumentou nun 1689% na semana do 20 de abril, con respecto á mesma semana de 2019. Foi a maior suba de viños amparados galegos e moi por riba da rexistrada nas principais denominacións de orixe españolas”, destaca o consello valdeorrés.
Prezos por litro no ámbito online
No que respecta ao ámbito online, Valdeorras é líder en canto a prezo de viño por litro en Galicia: 12,10 euros. “É o máis elevado de entre todos os territorios vitivinícolas galegos”, din dende o consello.