DeportesÚltima hora

Aventura, ocio e deporte para despedir o ano na Estación de Montaña Manzaneda

Na fin de semana inaugurábase unha pista de patinaxe sobre xeo á que poderá accederse de luns a venres en horario de 16 a 20 horas

 

Cando toca despedir o ano e recibir ao próximo, continúa a aposta de desestacionalización da Estación de Montaña Manzaneda cunha tripla oferta de deporte, aventura e lecer.

Así, será o punto de saída e a meta da primeira Carreira Popular San Silvestre Montaña de Manzaneda, que se celebrará o 31 de decembro cun percorrido de excepción e que organiza o Club Montaña Trives. Serán máis de 5 quilómetros de percorrido apto para todos os públicos e no que se poderá gozar dunha impresionante paisaxe. Terá, ademais, un marcado acento festivo, pois se convida aos participantes para realizar a proba con disfraces e ao acabar haberá premios, sorteos e chocolate con churros para entrar de novo en calor.

A proba comezará ás 11:30 horas, aínda que desde unha hora antes poderán recollerse os dorsais nas instalacións da Estación de Montaña. As inscricións poderán realizarse ata o 22 de decembro e os 50 primeiros recibirán un detalle especial por parte dos organizadores. Ademais dos premios aos primeiros clasificados, tamén os haberá para os participantes de maior e menor idade e para os disfraces máis vistosos tanto a nivel individual como grupal.

 

 

Ademais, a pasada fin de semana inaugurábase na estación de montaña unha pista de patinaxe sobre xeo á que poderá accederse de luns a venres en horario de 16 a 20 horas. Os sábados, domingos e festivos o horario ampliarase de 11 a 14 horas e de 16 a 21 horas. As quendas serán de 45 minutos.

Tamén para despedir o ano a estación ofrece paquetes para gozar en parella, familia ou grupos. Así, poderase reservar unha cea de Noitevella, con aloxamento nos apartamentos da Estación de Montaña e mesmo con acceso á piscina e ao circuíto termal o sábado día 1 e domingo 2 de xaneiro. Ademais, durante dúas semanas do mes de xaneiro continuará o programa “Montaña en familia”, con actividades e diversión para nenos e maiores. Vivacs, sendeirismo, xogos na neve, tiro con arco e xogos tradicionais, ademais de piscina, circuíto termal, jacuzzi e velada nocturna son as propostas que inclúe a iniciativa.

 

Artigos relacionados

Back to top button