OurenseÚltima hora

Baile, cociña, buceo ou cinema son as propostas para a mocidade en Ociourense 2017

Cartel de Ociourense.

A mocidade ourensá non quedará sen plans durante as fins de semana, xa que o Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa de actividades de lecer para a mocidade Ociourense Xove. Nesta sétima edición, o consistorio porá a disposición da mocidade entre 14 e 30 anos un total de 18 actividades saudables para o seu tempo de lecer. Devanditas actividades levaranse a cabo nas fins de semana de abril, maio e xuño e incluirá campos como o deporte, a música, a fotografía, o baile, o cinema ou a cociña, entre outras.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado polas técnicas das concellerías de Sanidade e Xuventude, presentou Ociourense como “unha garantía de tempo adicado a bos hábitos e a fomentar o lecer saudable”. O alcalde subliñou a aposta municipal por este programa, que este ano está financiado integramente polo Concello, que pasa a destinar 30.000 euros, fronte aos 20.000 da pasada edición.

Actividades para todos

Ociourense 2017 innova tamén nos seus contidos, para achegar propostas cada vez máis atractivas á cidadanía. Este ano as novidades serán Iniciación ao running, Ourengym nos parques, Defensa persoal e Video DJ. Con estas actividades o programa municipal prevé acadar a participación de ao redor de 1000 mozos e mozas.

As actividades son: Camiñar na noite, Ourengym nos parques, Cócteles sen alcol, Inicio Running, Baile Urbano, Defensa persoal, Nutri-receitas, Foto en ruta, Andaina sen fume, DJ+Visuais, Caza foto, Piragüismo, Escalada e Buceo.

Ademais, coa colaboración de Cine Clube Padre Feijóo, realizaranse 5 proxeccións de cine ao aire libre, que se desenvolverán pola noite nas Burgas e a Praza Maior.

Artigos relacionados

Back to top button