
Son xa nove días seguidos os que leva baixando a curva do Covid-19 na provincia. A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco conta con 2.240 pacientes con infección activa, 169 menos que onte, segundo os últimos datos, actualizados ás 18h. do 6 de febreiro, e publicados esta mañá pola Consellería de Sanidade. En cambio, soben lixeiramente os novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, un total de 84 (fronte aos 61 de onte).
Tamén aumentan os ingresos, hai 145 persoas hospitalizados en planta (8 máis que onte) e 18 na Unidade de Coidados Intensivos (1 máis que onte). O Hospital Público de Valdeorras rexistra 10 ingresos de pacientes en planta (2 máis que onte), o Hospital de Verín baixa a 10 ingresos (4 menos que onte), ademais o Hospital Universitario de Ourense ten 130 en planta (9 máis que onte) e 18 na Unidade de Coidados Intensivos (1 máis que onte). Finalmente, a Clínica Santa Teresa ten 3 ingresos en planta (1 máis que onte).
O total de casos rexistrados ata o de agora na provincia ascende a 13.925, con 11.309 curados e 378 falecidos (3 máis que onte). Polo de agora lévanse realizado 185.429 probas PCR e 90.682 probas serolóxicas.



