Concellos

Barbadás pide ao Sergas un ascensor para acceder ao novo centro de saúde

O alcalde tamén solicitou ao xerente do ente autonómico a creación dunha pasarela para mellorar a entrada
Morenza, Fírvida, Valcárcel e Fernández-Campa.
Morenza, Fírvida, Fernández-Campa e Valcárcel.

O Concello de Barbadás continúa buscando solucións para mellorar a accesibilidade ao novo centro de saúde. Neste contexto, o alcalde da vila, Xosé Carlos Valcárcel, acompañado do tenente alcalde, Xosé Manoel Fírvida, e a concelleira de Urbanismo, Victoria Morenza, mantivo unha reunión este mediodía co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa para plantear ao ente autonómico a instalación dun ascensor e unha pasarela.

“Os problemas de accesibilidade e mobilidade para chegar ao novo centro médico fan necesaria unha actuación”, subliñan dende o Concello. Por iso, durante o encontro, os responsables municipais fixeron fincapé na “necesidade” de colocar un ascensor e instalar unha pasarela á que se accedería dende a rúa San Bernabeu e desembocaría no parque da rúa dos Diestros, ubicado no entorno do centro médico que se está a construír.

Pola súa banda, o xerente do Sergas explicou que no departamento que dirixe non hai contempladas partidas orzamentarias para este tipo de instalación. Con todo, debido á importancia que ten a dificultade nos accesos a pé ao centro de saúde, Fernández-Campa anunciou a súa dispoñibilidade a apoiar esta iniciativa noutros departamentos da Xunta.

O titular do ente autonómico tamén aproveitou a reunión cos barbadeses para trasladarlles que o centro de saúde podería estar funcionando a principios de 2017. Ante a preguntas de qué vai pasar cas instalacións actuais, Fernández-Campa asegurou que a previsión é mantelas en funcionamento.

Artigos relacionados

Back to top button