ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco propón un percorrido pola historia a través do teatro como preámbulo das Festas do Cristo

A obra “Polos camiños do tempo” representarase os días 8 e 15 de setembro ás 19h. tendo como punto de partida a praza Maior da vila

“Agardamos polo público para entretelo, divertilo e, neste caso tamén, informalo sobre a historia do Barco”. Con estas palabras de invitación aos espectadores de Manuel Caramés, membro de Gargallada Teatro, concluía a rolda de prensa para dar a coñecer o proxecto escénico “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco”, que se estreará o vindeiro 8 de setembro ás 19h. na praza Maior desta vila valdeorresa.

Esta presentación, que concidía cun dos ensaios da peza nos Xardíns da Casa Grande (onde terá lugar a última das escenas da obra), contaba coa presenza da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; do técnico de Cultura barquense e autor da peza teatral, Gustavo Docampo; así como do director, o ponferradino José Luis García Alejandre “Álex”, e dos actores que lle darán vida do grupo Gargallada. Deste elenco forman parte (por orde de aparición): Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel Caramés, José Luis Conde, Lalo Santos, Silvia Cuesta, Aurora Fernández e Manuel González.

A iniciativa de facer unha ruta teatralizada pola historia do Barco tendo como escenario o casco antigo da vila e os Xardíns da Casa Grande de Viloira xurdía hai un ano, tal e como recordaba a concelleira de Cultura. “Gustavo faloume un pouquiño da idea e a min gustoume tanto que lle dixen ¡adiante! É un ano despois aquí estamos. Creo que é un luxo para unha vila como O Barco ter unha actividade deste tipo”, aseguraba Margarida Pizcueta.

No contido e nas características da obra afondaba Gustavo Docampo. “Non é un percorrido guiado onde se explica que foi ou que non foi, a historia, o que sucedeu… Iso levaríanos a un campo máis da historia e isto é teatro, o que se pretende é que sexa algo con moitas licenzas para viaxar polo tempo dun momento a outro, pódese ir para diante para atrás, e tocar algúns temas, non todos”. Ao longo da hora e media de duración da representación “collimos algúns episodios que están contados polos historiadores, outros que os coñecementos pola tradición oral e outros que chegan a nós pola fotografía ou que conseguimos imaxinalos a través de imaxes moi poderosas que temos no Barco”, engadía.

Docampo tamén aseguraba, incidindo nas palabra iniciais da concelleira de Cultura, que esta produción teatral constitúe o “resultado dunha conxunción de factores, sobre todo, que houbese unha disposición por parte do Concello de producir este traballo e un grupo de actores e actrices, nucleado ao redor de Gargallada, que nos permite abordar isto xunto a un director especialista neste tipo de traballos relacionados coa historia e en marcos patrimoniais, que é Álex, entón xuntouse todo felizmente”.

Do meso xeito se manifestaba o director da obra, José Luis García. “Esa conxunción de factores é algo moi importante e non é baladí porque as vontades, moitas veces están, pero conxugalas e conxuntalas non resulta tan doado”. Asemade louvaba o traballo de Gargallada Teatro, cualificándoo de “impresionante”. Creo que servirá para que as xentes que acudan a velo se vaian non só cun coñecemento maior da historia do lugar, senón cun rato de diversión nas súas almas”.

Tras a súa estrea o 8 de setembro, a peza volverá representarse unha semana despois nos mesmos escenarios, o día 15 de setembro ás 19h. Do elenco tamén forma parte un grupo de catro músicos valdeorreses: Manuel Durán, Xoaquín Freixeiro, Xulio Parada e Óscar Guerra.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button