
Ambientada en Galicia durante os últimos anos do franquismo, “Bernarda. Vilalba 1975” é unha historia protagonizada por tres mulleres e que aborda o choque xeracional, a loita entre o inmobilismo e as novas ideas. Esta obra teatral, da compañía Malasombra Producións, presentarse o vindeiro venres 14 de febreiro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.
“Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala”, conta a compañía.
Esta obra, escrita e dirixida por José Prieto, ten unha duración de 70 minutos. Está interpretada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja.