O labor de voluntariado para o fomento da lectura que desenvolve ao longo do ano a Biblioteca Municipal de Verín segue sumando recoñecementos. O último é o premio da “XVII Campaña de Animación á Lectura María Moliner”. É a sétima ocasión na que esta instalación cultural verinense logra este galardón, que supón a recepción dun lote bibliográfico composto por 150 libros infantís e xuvenís, seleccionados entre as novidades de cada ano e valorado en, aproximadamente 4.000 euros.
A Biblioteca de Verín foi galardoada na categoría específica dirixida aos municipios de menos de 50.000 habitantes para premiar os mellores proxectos con accións de “animación á lectura, eficiencia e labor bibliotecaria, integración social na comunidade así como a utilización das novas tecnoloxías”, segundo se informa dende o Concello de Verín.
A Campaña de Animación á Lectura está organizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Federación Española de Municipios e Provincias, coa colaboración da Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña. Nesta edición resultaron premiados un total de 300 proxectos, que recibirán lotes bibliográficos. Nesta ocasión foron dúas as bibliotecas distinguidas na provincia de Ourense: Pereiro de Aguiar e Verín. Pola sua parte, A Biblioteca do Concello de Verín foi nomeada coma a décima mellor biblioteca de España na anterior convocatoria. O resultado do ranking xeral desta edición darase a coñece nas vindeiras semanas.
Fotos: Carlos Montero.