CulturaCultura

“Blues para Moraima”, do carballinés Miguel Ánxo Fernández, gañadora do premio Eduardo Blanco Amor de novela longa

O galardón, outorgado pola Deputación, consta dun premio en metálico de 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acislo Manzano
A novela ten influenza dos thriller americano e italiano. // Foto: Carlos Asensio.

O autor carballinés Miguel Anxo Fernández foi o gañador do XXXV Premio de Novela Longa “Eduardo Blanco Amor” coa súa novela policíaca “Blues para Moraima. Este escritor ensaísta e investigador presentou hoxe, 5 de abril, o seu traballo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación xunto ao presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andón, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.

O premio está dotado con 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano. Segundo indicou o presidente do executivo provincial, Manuel Baltar, este premio foi recuperado pola Deputación “hai dúas edicións para garantir a súa supervivencia, darlle o pulo que precisaba e para convidar ao resto de concellos de Galicia, organizadores de anteriores edicións, a continuar realzando este certame”.

Pola súa parte, Miguel Ánxo Fernández, falou do importante papel que tivo a cidade de Ourense xa que foi “líder da historia da literatura galega”. En canto a “Blues para Moraima” salientou que a súa inspiración veu “do thriller americano dos anos 70 e do thriller político- reivindicativo italiano desa mesma época”. Asemade, adiantou que dentro do corpo da novela “fanse referencias ao cine e a televisión está tamén moi presente”. Isto débese á súa traxectoria dentro da Televisión de Galicia, cando fixo o programa de “Galicia no cine”.

Finalmente, o director de Galaxia, Antón Vidal, lembrou a importante relación que teñen Galaxia e Ourense: “Galaxia existe, en parte grazas aos ourensáns. O primeiro presidente de Galaxia foi Otero Pedrayo, e sen o pulo da Xeración Nós non sería hoxe o que é”, asegurou.

 

Antón Vidal, Manuel Baltar e Miguel Anxo Fernández na presentación. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button