Unha ollada á natureza dende a infancia, salpicada de lendas de piratas e ouveos de lobos. O percorrido contrarreloxio dun pai e da súa filla polas lembranzas dunha vida. Unha historia de superación e amor, e un retrato da dinámica do poder na sociedade actual. Arredor destas temáticas xiraban as curtametraxes coas que erguía o pano a quinta edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) de Verín Vía XIV na tardiña do 5 de setembro.
O certame encetaba unha edición moi especial, con 39 pezas dunha vintena de países a concurso (en catro categorías: A Raia, Horizontes, Outra Mirada e Nova), cun cambio de data e cun estrito protocolo de seguridade fronte ao Covid no Auditorio de Verín. Así o destacaba na apertura do FIC Emilia Somoza, coordinadora xeral do festival e concelleira de Cultura de Verín, quen iniciaba a súa intervención dando á benvida ao público e lembrando a xénese deste proxecto que aposta polo audiovisual.
“Hai cinco anos comezamos a dar forma a este festival, estaba moi claro por qué e para qué se quería facer. Os motivos dos organizadores coincidían coas intencións que tiñamos no grupo de goberno. Dende que pisamos o Concello a nosa preocupación foi a cultura e humanizar o pobo, dentro das nosas posibilidades, por iso o FIC foi unha gran axuda nese propósito. A idea de sacar a Verín do seu ostracismo era fundamental”, resaltaba a edil.
Con esta mostra, engadía, “abríamos unha sinxela porta que nos daría a coñecer, pero o mundo entrou por esa porta: decenas de países, xente de distintas condicións, razas e culturas entraron polas portas do Entroido, da Emigración e da Fronteira, piares do noso pequeno festival, dándonos a oportunidade de coñecer os seus modos de vida, os seus costumes e as súas linguas. Deste modo, coa participación destas curtas no FIC o nome de Verín entra a formar parte dos seus créditos e viaxará con elas a cantos festivais e certames as leven os seus creadores”.
Louvaba ademais o bo criterio do público á hora de valorar os traballos. “O resultado das curtas premiadas, que tanto medo ten o público, foi en verdade dun criterio totalmente satisfactorio, xa que tamén esas curtas premiadas aquí, foron nomeadas e premiadas en festivais de renome e incluso levando Goyas como é o caso de Matria”.
Mencionaba tamén o protagonismo dos artistas locais no proxecto, na elaboración cada ano do premio, e o lugar que ocupa a mocidade na iniciativa: “a xuventude entra dende o voluntariado de cheo no mundo do audiovisual e da comunicación”.
Asemade a concelleira incidía no carácter especial desta edición. “A idea era facela grande e cercana, queríamos chegar á maior parte do público. De aí o cambio da data. En setembro contaríamos co calor e coa luz natural do verán, fronte ao frío e á escuridade do inverno que tanta pereza nos dá. Habería concertos, actividades ao aire libre… Pero 2020 veu coas súas propias propostas, mais aquí estamos, fieis á cita e cargados con moitas ganas e máis ilusión porque este ano o reto tamén é moito máis grande”.
Tras a intervención de Emilia Somoza, que finalizaba lembrando o protocolo de seguridade e agradecendo a asistencia do público, dábase paso á primeira sesión de curtas. Proxectábanse catro pezas incluídas na sección “Nova” do FIC: “Lago dos nenos” (España), “Souvenir” (España-Suíza), “Alive” (Suecia) e “Delphine” (Canadá).
As proxeccións, xunto cun completo programa de actividades paralelas, continuarán ata o 13 de setembro. Entre as principais novidades deste quinto FIC sobresae a habilitación dunha pantalla na Praza Maior de Verín para poder seguir algunhas das actividades paralelas, que tamén se emitirán a través de streaming.
Un dos fitos máis significativos da semana será a visita que o actor Luis Zahera, coñecido por diferentes papeis en cine, teatro e televisión, realizará a Verín para recibir a homenaxe do equipo organizador do FIC Vía XIV e departir co público sobre a súa traxectoria.
Fotos: Carlos G. Hervella.