OurenseÚltima hora

Brañas Folk actuará mañá na praza Maior de Ourense

O concerto da banda ourensá enmárcase na programación do Margosto 2019

A formación ourensá de música tradicional Brañas Folk.

 

A formación ourensá Brañas Folk abrirá mañá, venres 8 de novembro, a programación do Magosto 2019. O Concello de Ourense aposta este ano por potenciar a festividade ampliando a súa programación de actividades co obxectivo de “animar a cidadanía para participar na festa e converter Ourense nun referente cultural e lúdico”. Así, durante 4 días, subirán ao escenario da praza, ademais do grupo ourensán, outros nomes de tanto prestixio como Susane Seivane, Leilía e Os de Abaixo.

O fundador de Brañas Folk, Manuel Brañas, o concelleiro de Cultura, Mario González e o técnico Álex Hermida presentaron o concerto da formación ourensá, un proxecto musical creado en 2002 por Manuel Brañas. No concerto de mañá, previsto para as 20h. na praza Maior, interpretarán temas do seu último traballo Danza das Burgas, e avanzarán composicións do seu próximo disco, entre eles, un dedicado ao Magosto, Trullada da castiñeira.

Ante as previsións de chuvia para os próximos días, o Concello instalará unha carpa na praza Maior para os concertos, e outra no parque do Barbaña para o Magosto do día 11.

 

O técnico Álex Hermida, o fundador de Brañas Folk Manuel Brañas e o concelleiro de Cultura Mario González.

 

Tras Brañas Folk, a cita coa música galega continuará o sábado 9, coa actuación de Susana Seivane, quen, despois de 8 anos de silencio discográfico, presentará o seu novo traballo FA, unha obra de introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal. O domingo, 10 subirá ao mesmo escenario Leilía, agrupación formadas por 6 mulleres que se xuntan para recuperar a tradición oral galega, que celebran o seu trixésimo aniversario. En Cantan elas botan a vista atrás e conectan as súas orixes coa actualidade. A cuádrupla cita rematará o luns, 11, con Os de Abaixo, grupo que xorde en 2010 co obxectivo de promover e animar festas tradicionais na contorna de Compostela, que ofrecerán unha escolma musical.

A programación do magosto completarase co Espazo Galaico en Bispo Cesáreo, a aposta gastronómica na praza Maior -Sabores de Ourense- e no Liceo -DDOO de Ourense- e o magosto previsto para o luns día 11.

Artigos relacionados

Back to top button