
Brian é un neno con síndrome de Down, cuxa singular constitución dos seus ollos lle valeu o cariñoso alcume de chinés. É diferente ao resto dos seus compañeiros, especial e marabilloso, con inquedanzas, aventuras e historias que o van facendo sentirse parte dun grupo, con bos momentos e tamén situacións problemáticas que cambian o rumbo dos seus días. É o protagonista de Brian, o Chinés, o libro co que o valdeorrés David D. Vázquez Álvarez conseguía o I Premio Xosé Neira Vilas de relato curto hai xa dous anos e agora un dos premios do certame literario Frei Martín Sarmiento, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas.

Os lectores e lectoras dos colexios pertencentes á rede de Escolas Católicas resolveron coas súas votacións, tras as lecturas, as obras e os títulos gañadores da XVI edición do concurso de literatura infantil, e a historia inclusiva e emotiva contada por David (escritor natural de Arcos, Vilamartín de Valdeorras) conquistou ao alumnado de 5º e 6º de Primaria (3ª categoría).
O propio autor ten explicado que se decidíu a escribir este libro despois de ler un artigo de Manuel Rivas sobre un neno con síndrome de Dawn. “Púxenme a elo acordándome de todos os nenos que tristemente non souben tratar como debería, aprendino máis tarde neste colexio como tantas outras cosas. Nenos, con moitas necesidades educativas especiais”, chegando á conclusión de que “a maior discapacidade non é a destes nenos senón a do corazón, moitas veces reflexadas en palabras que non deberiamos pronunciar. Porque no fondo todos somos iguais, e temos as nosas propias discapacidades. Brian non ten prexuizos para dicir o que pensa, eu tampouco. É moi teimudo e eu tamén. Ten que facer as cousas sempre ao seu xeito, eu tamén. Na túa cabeza sempre está argallando algunha trastada, eu tamén… Porque todos somos Brian”, asegura.