Presentar un “luxo posible” e tratar de “contaxiar de optimismo a tódalas persoas”. Con eses obxectivos abría Roberto Verino a nova era Mercedes-Benz da pasarela madrileña, cunha sedutora proposta que rebosa actitude e poderío.
Recollendo o espírito de brillantez e personalidade que o caracteriza, sen esquecer o detalle e a calidade, a colección outono-inverno 2012-2013 de Verino recréase “nunha pasarela que é a propia rúa e unha rúa que é a pasarela”. Parece un acertixo pero é a realidade.
As rúas de New York, crisol de movementos culturais, moda e efervescencia artística, a mítica cidade do Gran Gastby que rendeu homenaxe a Roberto Verino no 25 aniversario da firma, é a gran musa desta colección que evoca o inconfundible estilo de Manhattan “a excentricidade dos seus transeúntes, a súa desinhibición, a arquitectura decó…”.
E todo mesturado con elementos da xastrería tradicional europea da que Verino fai gala. “As prendas, de acabados artesanais, son tesouros cuxa finalidade é ilusionar e facer disfrutar” di Roberto Verino e por iso, propón unha colección que comeza cunha serie de gabardinas transparentes e plastificadas que provocan efectos velados mentres a súa dona se protexe da chuvia entre os rañaceos da Gran Mazá.
A proposta invernal do modista ourensán céntrase en total looks en negro e gris lousa con aplicacións tipo “yeti” de pelo longo e tamén cristais de azabache e Swarovski, que enriquecen os abrigos xastre de corte masculino, evocando a imaxe dun gánster.
O gran aliado da muller Verino nesta ocasión, son os pantalóns loose de pata de elefante cheos de movemento, combinados con sombreiros e maxi gafas de sol. Un back to black favorecedor e poñible que se distancia das explosións de cor de anteriores pasarelas.
Texto: Mónica G. Bellver/ Madrid Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Moda de O Sil).