
Uns días despois de inaugurar 40×10 no metaverso, “unha experiencia dixital inmersiva que trascende aos sentidos” a firma de moda galega, Roberto Verino, estréase como colaborador oficial dos Premios Feroz, os galardóns que condecoran as mellores producións audiovisuais españolas do ano en cinemas e series.
Na súa aposta por “crear un Universo Verino máis aló das súas coleccións”, a marca de orixe ourensá dá un paso en firme no seu apoio á cultura, xerando ademais un vínculo único entre cinema e moda.
A gala dos Premios Feroz 2025, que se celebra este sábado 25 de xaneiro, terá a súa sede en Pontevedra, un fito que pon no mapa non só á cidade, senón tamén á cultura galega. Unha ocasión que Roberto Verino quixo aproveitar non só para consolidar o seu vínculo co cinema, senón tamén para “poñer no mapa a moda galega e fixar o seu selo como referente galego no sector téxtil”.
A colaboración materializarase non só a través da súa presenza nas distintas localizacións da gala, senón que se presenta como Showroom Oficial do evento, brindando desta maneira opcións a todas as nomeadas e nomeados, con independencia dos seus cargos e nomeamentos. “Neste tipo de eventos, as firmas de moda adoitan ir da man dos actores e actrices protagonistas das películas, das caras visibles. Nesta ocasión decidimos apostar por todo o talento que fai posible que unha cinta consiga chegar ao público da maneira que o fan as nomeadas a estes premios” resaltan desde a marca.
Ademais, a firma celebrará a unión entre o cinema e a moda a través do seu espazo especial en recepción de invitados da noite previa, que estará guiado pola tiktoker galega Tamara García (@grtamara), a que tamén acudirá á cita vestida da marca.
A gala poderá seguirse en directo desde La 2 e RTVE Play; e a chegada dos invitados á “Alfombra Vermella” a través do seguinte enlace: https://www.youtube.com/live/XEIkw6SwnnE