PolíticaÚltima hora

Caballero: “O plan para modernizar o regadío da Limia é unha realidade”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE poñía en valor en Xinzo o investimento de 28 millóns de euros do goberno central para este proxecto

 

Nunha visita realizada a Xinzo de Limia esta mañá o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, resaltaba o investimento que o goberno central vai destinar para modernizar o regadío desta comarca, así como para limpar as canles, “en definitiva, para cubrir unhas necesidades para agricultura desta bisbarra, que era unha demanda histórica”. Neste acto estaba acompañado pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga; así como por representantes socialistas, entre eles o secretario provincial do partido, Rafael Villarino.

Caballero incidía en que “os socialistas estamos cumprindo coa Limia cun investimento de 28 millóns de euros que veñen dende o goberno de España para darlle viabilidade e sostibilidade a todo o seu sector primario e queremos poñelo en valor aquí na Limia, recoñecendo tamén o traballo que fan os representantes dos concellos, como a alcaldesa de Xinzo”.

Ademais destacaba que este plan “é xa unha realidade para modernizar toda a estrutura do sector agropecuario: 28 millóns de euros dende o goberno de España e 4 dende a Xunta, é un investimento histórico e queda feito”.

No acto tamén interviña a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, quen lembraba que “levamos traballando arreo dende o Concello, xunto coa Confederación e co Ministerio, e tamén coa Consellería do Medio Rural, plantexando o que son as necesidades desta comarca. Non vale con dicir constantemente que somos a comarca agrícola e gandeira por excelencia de Galicia, senón que precisamos de investimentos. Desta volta vai ser unha realidade, pero quedan pendente as infraestruturas viarias por parte da Consellería do Medio Rural”.

Lama aseguraba tamén que “é o momento do agradecemento, esperamos o compromiso de todas as administracións, e iso onte quedou patente nunha videoconferencia na que estabamos rexedores destas comarcas, pero tamén representantes do resto das institucións, e esperamos que eses convenios se asinen, que os traballo se acometan canto antes, porque xa levamos moito tempo esperando por unha infraestruturas que cada vez son máis necesarias”.

Finalmente, tomaba a palabra o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, quen destacaba que hoxe “é un día de ledicia para os dez concellos que conforman a Limia e incluso para os 5 da Baixa Limia, que tamén van notar a repercusión deste plan”. Ademais poñía o foco no “pulo investidor do goberno de España” e no seu “compromiso co territorio”.

Quiroga detallaba demais as dúas liñas de investimento do plan, unha delas “de 15,9 millóns de euros para a modernización do regadío que, a parte de permitir a supervivencia e a viabilidade da actividade agropecuaria, ten tamén un gran impacto medioambiental na calidade das augas, vai permitir vivificar o acuífero da Limia. A maiores están os 12 millóns para a limpeza das canles que tamén vai repercutir moi positivamente evitando anegacións de terreos de cultivo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button