CulturaCulturaÚltima hora

Cambados acolle o 8 de xuño o acto de recepción de Takekazu Asaka como membro de honra da Real Academia Galega

O profesor lerá no acto o discurso titulado "Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas", que será respostado polo académico Francisco Fernández Rei

Takekazu Asaka./ Cedida.

 

Takekazu Asaka (Toquio, 1952), embaixador da cultura galega no Xapón, será recibido como académico de honra da Real Academia Galega o vindeiro 8 de xuño (12:00 horas) nunha cerimonia que terá lugar en Cambados. O Auditorio da Xuventude da vila natal de Ramón Cabanillas, un dos autores galegos que o profesor verteu ao xaponés, acollerá o acto, unha sesión de entrada libre ata completar a capacidade da sala que poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal. Tras a lectura do seu discurso, daralle resposta en nome da institución o académico de número Francisco Fernández Rei, natural tamén de Cambados.

Membro correspondente da RAG dende 2017, Takekazu Asaka leva máis de tres décadas estudando o galego e a súa literatura, e contribuíndo ao seu coñecemento no seu país. Sobre esta proxección exterior falará a súa intervención, titulada Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas.

Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku de Toquio dende 1987 ata a súa xubilación en 2022 e impartiu clases de lingua, gramática e literatura galegas entre 2005 e 2022 en varias universidades xaponesas e mais no Instituto Cervantes de Toquio. As súas primeiras achegas para a aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse á primeira metade dos anos 90, cando publicou a Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para o público nipón, actualizada na Nova gramática galega (2016). É tamén autor da Guía de conversación en galego (1994), igualmente a primeira para falantes xaponeses, e o Vocabulario básico da lingua galega (1996), onde cada termo se acompaña da equivalencia en castelán e xaponés. Como lingüista, logo de diversos traballos gramaticais e léxicos, estudou ademais a situación do galego en Galicia e no Eo-Navia.

No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno os seis poemas galegos de Lorca (1993), Cantares gallegos (2009) e Follas novas (2018) de Rosalía de Castro ou Os eidos de Uxío Novoneyra (2917). En 2013 editou a Cantata a Ramón Cabanillas, volume no que ofrece un estudo sobre a vida e a obra do vate cambadés e unha escolma poética galego-xaponesa, e posteriormente traduciu o seu poemario A rosa de cen follas (2019). Tamén lle prestou atención á lírica galega medieval: no ano 2015 publicou Xograr Martín Codax e editou no Xapón o libro-cedé Convite para as Cantigas de Santa María (2023).

Alén do eido literario e lingüístico, Takekazu Asaka é autor d’Os 50 capítulos para coñecer Galicia (2010), unha guía en xaponés sobre a situación sociocultural galega; e dende o ano 2008 organiza en Toquio e as cidades próximas, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de música e poesía galega con actuacións de artistas locais e conferencias que el mesmo imparte sobre a cultura de noso.

As contribucións do profesor Asaka á proxección exterior da cultura galega foron recoñecidas co XVI Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño 2019 e o seu nomeamento como Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira.

A Real Academia Galega a recepción de Takekazu Asaka como membro de honra coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio do Concello de Cambados.

A Real Academia Galega a recepción de Takekazu Asaka como membro de honra coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Concellería de Cultura, Ensino, Patrimonio e Normalización Lingüística

Artigos relacionados

Back to top button