O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, invitaba este luns a Camiñar a Galicia para “desfrutar dun destino extraordinario e prepararse para bater o récord de 5 millóns de visitantes en 2022”. Durante a presentación do vídeo en Vigo, Feijóo aseverou que esta campaña é “unha invitación a desfrutar dun destino extraordinario, pero tamén seguro e de calidade”, que dá resposta ao turismo que demanda natureza e paisaxe, con 863 praias, o se potencial termal e 6 parques naturais; lecer e gastronomía, con 12 festas de interese turístico internacional; e atención, con 328 establecementos coa Q de calidade.
O titular do Goberno galego referiuse a estas calidades como claves para poñer rumbo á reactivación do turismo, incidindo na oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para recuperar un sector que supón o 10% do PIB galego e con capacidade para xerar máis de 71.000 empregos.
Nesta liña, recordou a posta en marcha de iniciativas como o Bono Quedamos en Galicia, destinado a fomentar o consumo interno; ou Elixe Galicia, orientado á desestacionalización. Ademais da activación do Seguro Coronavirus, para turistas e peregrinos; o rexistro de viaxeiros, para facilitar o rastrexo de contactos; e o certificado covid dixital, que acredita a pauta de vacinación para incidir na seguridade.
Segundo resaltou o presidente da Xunta, todas estas medidas poñen de manifesto que Galicia é unha terra “confiable e segura: Foino na resposta á crise sanitaria e agora activando apoios e protocolos seguros para que o Ano Santo 21-22 sexa o ano de Galicia”, dixo.
No acto, o mandatario galego estivo arroupado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.