ConcellosCultura

Camiñando entre mitos polas terras de San Xoán de Río

O vindeiro 19 de abril terá lugar unha andaina circular, promovida por RíoMola e pola SAGA, que percorrerá a xeografía lendaria deste municipio
Miliarios romanos no alto de Cerdeira (San Xoán de Río)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Lugares marcados pola historia, pero tamén envoltos na lenda no municipio de San Xoán de Río. Para descubrilos a Asociación Cultural RíoMola propón nesta Semana Santa unha ruta guiada en colaboracón coa  SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega). Trátase da “Andaina Camiñando entre mitos”, prevista para o vindeiro 19 de abril. Terá un percorrido duns 8,5 km (cun tempo estimado de 4 horas) e un traxecto circular de dificultade media con saída e meta en Cerdeira. O guía da ruta será Miguel Losada.

Punto de encontro para os participantes será a Casa do Comediante en Cerdeira ás 9:30 da mañá. “Esta xeira percorre unha parte do Concello de San Xoán de Río, Ourense. As poboacións de Cerdeira, Reboledo, Domecelle e Móuruás, serán coma illas dentro dun periplo por un mar de rebolos, carballos e castiñeiros. Mergullados nel, aboiaremos de cando en vez para observar como moitas veces a Historia é a mais grande das ficcións, como dixo o escritor arxentino Jorge Luís Borges. Noutras tantas ocasións, será iso que consideramos lenda ou ficción o que apareza como unha realidade tanxible diante mesmo de nos”, segundo explican dende a organización.

 

 

Trátase dunha viaxe no espazo “mais tamén no tempo, xa que un dos obxectivos desta actividade será precisamente o de tender unha ponte, ou abrir unha xanela, cara un pasado no que heroes, mitos e deuses antigos formaban parte dunha realidade aumentada e tradicional. Daquela, toda esta paisaxe formaba parte dun inmenso contexto cheo de fabulosos contidos materiais e historias extraordinarias”, engaden os promotores da iniciativa.

A andaina é gratuíta e as persoas interesadas só teñen que presentarse no punto de encontro nese día. Non é preciso inscrición previa.

Artigos relacionados

Back to top button