Na véspera de Noiteboa, coincidindo co centenario da visita da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson á vila, o Concello da Rúa presenta un dos seus proxectos máis fermosos e esperados, ‘Camiños Falados’, unha plataforma municipal interactiva, coñecer e recoñecer a historia e as xentes desta vila, e manter así viva a súa memoria.
“Ás 11:30 horas do 23 de decembro de 1924 estaría no tren Ruth Matilda dende Lugo rumbo á Rúa para facer fotografías que incorporar ao arquivo documental fotográfico sobre Galicia que fixo hai cen anos”, sendo unha fotografía da propia Matilda na Noiteboa dese ano a que serve como punto de partida para a web, tal como explicaba a directora do proxecto, a ruesa Cristina de la Torre, na mañá deste luns 23 de decembro de 2024.
Trátase dun portal no que haberá fotografías antigas e historias do presente, relacionadas en como se vive no Concello, marcáándose como obxectivo “cultivar certa autoestima por parte dos rueses que sirva como espazo didáctivo e de memoria”, dixo de la Torre, adiantando que de momento conta dous apartados, historias e roteiros, sendo a foto ‘Noiteboa 1924, unha muiñeira para Ruth’ a primeira de moitas historias.

Con respectos aos roteiros, o primeiro é unha recreación dos pasos de Matilda baseada nas fotografías e anotacións incluídas no catálogo da exposición Fotografías de Ruth Matilda Anderson, Unha mirada de Antano, de Afundación e a Hispanic Society of America, 2009. Dende ‘A estación de tren’ ou a ‘Fonda Paco’, ata os ‘Viñedos no Bouzo’, a ‘Cea de Noiteboa’ ou a ‘Casa Grande’ de Fontei, incluíndo nalgúns casos a imaxe antiga e unha recente do mesmo lugar.
Acompañando a Cristina de la Torre, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, asegurou que se trata dun proxecto que “nos fai especial ilusión e que pretende ser unha web viva no que todos os poidamos sentir reflectidos e recoñecidos, na que se recuperen moita das historias, non só as granndes máis coñecidas senón as pequenas, de particulares e con todas forma o conxunto do que foi a dar hoxe no noso Concello”, polo que convida a todas as persoas da Rúa que queiran contar a súa historia e formar parte desta memoria colectiva, se dirixan a eles e formen parte deste proxecto, a través da propia web.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver



