EconomíaEconomíaÚltima hora

Campaña informativa e de trampeo contra a velutina en Vilamartín

Trátase do segundo concello valdeorrés, tras O Barco, que colocará trampas en diferentes puntos do municipio para capturar raíñas
Raíña de velutina saíndo dun niño primario localizado no Barco./ Foto cedida.

Seguen aparecendo raíñas de Vespa velutina en Valdeorras. Ademais das localizadas no Barco, un total de tres, tamén se capturaban outras tres no municipio de Rubiá e cinco en Vilamartín. E, tras a campaña realizada no Barco para poñer trampas contra esta especie invasora, agora é Vilamartín o que dá o paso.

Así este concello valdeorrés vén de iniciar unha campaña divulgativa sobre a velutina colocando carteis nos diferentes pobos. Ao mesmo tempo, a través de Protección Civil de Vilamartín e en colaboración coa Asociación Valdeorresa de Apicultores e co GES Valdeorras, van iniciar en breve a colocación de diferentes trampas polo municipio. “Xa temos aquí as velutinas e hai que loitar contra elas porque pode ser un problema moi gordo, sobre todo para os apicultores, pero tamén nos pode afectar a todos, así na que medida das nosas posibilidades imos trampear”, sinala o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez. Tamén teñen previsto organizar unha charla informativa do GES Valdeorras neste concello nos vindeiros días.

 

O presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, amosando unha trampa para a velutina./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores destácase a relevancia do trampeo de primavera para frear a expansión deste insecto, xa que por cada raíña eliminada evítanse 50 niños no vindeiro ano. “En Vilamartín xa trampearon os apicultores, pero tendo en conta que están aparecendo velutinas é importante que se poñan máis trampas e facelo antes de que remate o mes de maio porque despois xa nacen as primeiras obreiras da velutina e a raíña non sae do niño, polo tanto, non tería sentido trampear”, sinala o seu presidente, Armando Rodríguez.

Tamén aconsella que a xente levante a cabeza e revise os voladizos, os alpendres da casas baixas, “sobre todo nos orientados ao sur. E se encontran unha especie de pelotiña de ping-pong de cor marrón escuro, que chamen ao 012”.

O ciclo vital da velutina

A velutina é unha especie diurna cun ciclo biolóxico anual, que acada a súa maior actividade no verán. Durante o inverno as raíñas fecundadas hibernan en lugares protexidos como ocos das árbores e rochas, pero tamén en galpóns, porches ou garaxes.

Na primavera abandonan ese lugar e inician a construción do niño primario en abril ou maio. Nel fan unha pequena posta de ovos dos que saen avespas obreiras. Entre xuño e xullo todas as raíñas acostuman moverse a un segundo niño, denominado secundario, a maior altura. Dende ese momento, a raíña adicarase á posta de ovos e o crecemento da colonia será exponencial. O niño irá aumentando ata chegar ao outono, momento no que terá o seu maior tamaño. Entre setembro e outubro nacerán novas raíñas, que iniciarán un novo ciclo.

Artigos relacionados

Back to top button