ConcellosO BarcoÚltima hora

Campaña informativa para o colector marrón de materia orgánica, no Barco

Unha carpa instalarase mañá, xoves 21 de decembro, na praza do Concello, de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30 horas

Presentación da campaña./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Mañá, xoves 21 de decembro, iníciase a campaña de sensibilización e divulgación do proxecto “Voluntariado marrón”, posto en marcha polo Concello do Barco para a instalación de contedores específicos para a recollida de materia orgánica, coa instalación dunha carpa na praza do Concello, na que se ofrecerá información a todos os interesados, de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30 horas.

Na carpa que se instalará mañá na praza, os interesados poderán anotarse a esta iniciativa, que é voluntaria para os que queiran colaborar. Para facer uso dos novos colectores é preciso ter unha chave, a cal se poderá recoller tamén no posto informativo que se instalará mañá na praza do Concello, e xunto coa chave proporcionarase un cubo de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo para facer un bo uso do colector.

 

 

En canto aos residuos que deben ir neste colector marrón son: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cocina, restos de plantas, cortizas, e en definitiva calquera resto orgánico. Os colectores estarán situados nas rúas, e estarán pechados, polo que só aqueles que se sumen ao proxecto poderán, coa chave, introducir os restos neles. Por contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.

Nas próximas semanas, e ata o inicio da instalación dos contedores marróns nas rúas (instalaranse a partir do 8 de xaneiro), realizaranse accións formativas a pé de rúa, e as campañas de sensibilización seguirán nos seguintes meses.

 

 

O colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos, pretende avanzar na adaptación do sistema de recollida de lixo no Barco aos novos criterios de xestión de residuos que indican tanto desde Europa como desde a Xunta de Galicia, e tamén lograr que o proceso de recollida de lixo sexa máis sostible. Para logralo, “é moi importante a implicación da cidadanía, razón pola que se realiza esta campaña de información e sensibilización”, aseguran dende o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button