
O Barrio de San Roque, na Rúa Vella, quedará sen festas este verán. A Asociación Cultural Sabugueiro anunciou, mediante un comunicado publicado na conta de facebook da Comisión de Festas, que non se celebrarán “os eventos lúdico-festivos programados entre o 20 e o 24 de agosto” debido á situación de crise sanitaria. Esta decisión foi tomada por unanimidade.

A asociación lamenta a decisión de cancelar unhas festas que son “cada ano máis multitudinarias e con eventos únicos; como o da Volta Ecolóxica, que este ano cumpría o seu 40 aniversario”, pero entenden que o prioritario é “a saúde dos nosos veciños e veciñas”. Tamén quedan suspendidos outras actividades que se recuperaran o ano pasado como o cine ao aire libre ou o “Zumba Street” para evitar calquera tipo de risco.
Fotos: Mónica G. Bellver.