“Viana é un exemplo do traballado de anos do BNG que finalmente conseguiu botar fóra das institución ao caciquismo do Partido Popular e propiciar un cambio político”, dicía Noa Presas, número un do BNG por Ourense ao Congreso, na viaxe que realizaba a este concello ourensán na mañá do 13 de xuño.
Nesta visita Presas mantiña unha xuntanza co equipo de goberno municipal do BNG neste municipio. Nel o alcalde de Viana, Secundino Fernández afirmaba que o seu é un concello participativo, no que os cidadáns poden intervir libremente nos plenos, sen límite de tempo e sen ter que rexistrar previamente as preguntas.
Pola súa banda, Noa Presas referíase á importancia de que Galicia teña unha voz propia no Estado, iso “significa ser autónomos e non ir mendigar solución para os nosos problemas senón esixir soberanía para resolvelos por nós mesmos cos nosos recursos”. Aludía en concreto ao financiamento dos concellos e da comunidade autónoma, así como a outros problemas que afectan ao rural, dende a distribución das axudas da PAC ata a Lei de Montes.