A MezquitaConcellosCulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Cantos, aguinaldos e banquetes, na tradicional Festa de Reis de Chaguazoso (A Mezquita)

 

A primeira hora desta mañá de 5 de xaneiro, a comitiva da Festa de Reis de Chaguazoso (A Mezquita), poñíase en marcha. Volvía facer unha ronda pola localidade tras cantar onte á noite os Reis. Ía encabezada polo Rei casado, Miguel, e polo Rei solteiro, Tito, que visitaban, casa por casa, saudando e felicitando o aninovo á veciñanza. Tras eles, viña a música e o resto da comitiva de recollida de aguinaldos, que volvía visitar cada unha das casas de Chaguazoso, onde eran obsequiados con doces e outros produtos salgados, como embutidos, e tamén licores polos veciños.

 

 

Da comitiva tamén forman parte os músicos tradicionais, os camareiros, os axudantes e A Rita, unha singular figura. Trátase dun home disfrazado de muller, que fai a función de bufón, e que porta unha boneca e unha cesta, na que vai depositando os ovos que atrapa polas cociñas.

Tras completar a ronda acudían á misa de Reis, onde se reunían coas Raíñas (as mulleres fan a festa pola súa conta). A partir de aí, homes e mulleres organizarán, por separado, diferentes banquetes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button