ConcellosÚltima hora

Cantos de Reis e recollida de aguinaldos na Mezquita

 

 

Co tradicional canto, de casa en casa, comezaba na noitiña do 2 de xaneiro a antiga Festa de Reis na Mezquita. Esta celebración, que antano tiña un carácter marcadamente masculino, abríase dende o pasado ano á participación das mulleres e así mozos e mozas iniciaban un traxecto pola localidade tocando e canto xuntos.

Ese mesmo percorrido repetíano a partir das 11h. deste 3 de xaneiro dende a Casa dos Reis para recoller os aguinaldos. Desta volta a comitiva dos Reis (encabezada polas autoridades: Rei e Virrei, Raíña e Virraíña), ía acompañada polos Zamarreiros, uns personaxes enmascarados que só aparecen nesta data, e polo “Demo da Seitura” ou “Carrabouxo”. Ademais, levaban un carro, adornado polos ramos de Reis, e no que se ían depositando os aguinaldos dos veciños: chourizos, xamóns, doces, cartos…

 

 

Tras completar a ronda pola Mezquita, animada pola música tradicional de Os Bertolini de Manzaneda, homes e mulleres celebraban, por separado, o seu primeiro xantar desta festa que se prolongará ata o 5 de xaneiro. Ademais a primeira hora desta tarde terá lugar unha recreación da corrida dos galos, con sorpresas.

Fotos cedidas, agás as quince últimas de galería que son de Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button