Recén chegados de Oriente, os Reis Magos visitarán Ramirás ao longo da xornada do 5 de xaneiro. Comezarán facendo un roteiro polas aldeas da zona máis alta deste municipio ourensán e, de seguido, realizarán unha parada na residencia da terceira idade do Mosteiro co fin de saudar aos seus residentes e familiares.
Logo, ás 17:30 h. acompañados da súa corte e garda persoal, farán a súa chegada nos coches oficiais ao Centro Cultural de O Picouto, onde saudarán aos cativos ramirenses. Posteriormente a súa comitiva pasará de novo por diferentes aldeas deste Val do Tuño.
Durante o percorrido estarán acompañados polos músicos e cantareiras da Asociación Rebulir. Os membros deste colectivo, recuperarán un ano máis os cantos de reis que tradicionalmente se cantaban de casa en casa. Deste xeito, mozos e mozas percorrerán ata altas horas as casas das aldeas da zona tocando e pedindo o aguinaldo como se facía antano.
Tamén se contará coa visita do carteiro real, que nestes días previos a visita dos Reis ten visitado diferentes núcleos. O xoves día 5 estará de novo recibindo aos nenos, e para iso contará coa axuda das animadoras de Xurxemurxe para dinamizar a espera da comitiva real.
Fotos: Asociación Cultural Rebulir.