CarballedaConcellosÚltima hora

Carballeda engalana os seus pobos cunha decoración navideña que reutiliza a madeira queimada polo incendio deste verán

 

Con motivo das vindeiras datas do Nadal o Concello de Carballeda está comezando a instalar unha decoración diurna moi especial para homenaxear aos veciños, tras o grave incendio que afectaba a maior parte dos pobos do municipio o pasado verán. Coa madeira afectada polo lume, e que foi recollida, as brigadas municipais elaboraron de xeito artesanal multitude de figuras de Papá Noel que empezaban a colocarse onte por algúns núcleos municipais, entre eles o de Ricosende.

Estanse poñendo á beira das estradas, nas pontes, nos xardíns, xunto ao parques infantís e mesmo á entrada dalgunhas casas, poñendo un sinxelo pero bonito toque de cor nestes recunchos. “Realmente son artistas, fixeron marabillas con eses troncos, hai máis de 500 Papá Noeles e ningún deles é igual ao outro. Poderíamos dicir que da destrución saíu a ilusión. A nosa intención é colocalos ao longo do municipio xa que case todos os pobos se viron afectados polo lume. E isto levará o seu tempo, por iso comezamos xa, pretendemos levar un pouco de ilusión á veciñanza nestas datas tan entrañables e isto pareceunos unha idea sinxela pero moi orixinal”, explica a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González Quintela.

 

 

Aínda que acaba de empezarse a colocación destas pezas decorativas, a reacción da veciñanza xa está sendo moi positiva e acollen con moita ilusión a iniciativa. “Xa estamos recibindo chamadas pola iniciativa e a xente está moi contenta”, comenta a rexedora.

Nos vindeiros días continuarán colocándose estes singulares Papá Noeles ata completar a decoración de todos os núcleos do concello.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button