En portadaÚltima hora

Case 60 proxectos emprendedores nos 3 novos espazos coworking da provincia, un deles na Rúa

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentaba hoxe en Valdeorras a sexta edición desta iniciativa de emprendemento

 

Un proxecto viable non se pode quedar gardado nun caixón por falta de apoio. E máis se se trata dunha iniciativa para emprender no rural. Así o destacaba na Rúa o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, na presentación dos tres novos coworkings que a Xunta impulsa na comarca de Valdeorras (con sede na Rúa); na Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo) e o Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole (en San Cibrao das Viñas), destacando que estes espazos de emprendemento, que seguen abertos á presentación de solicitudes, teñen garantido o seu éxito con preto de 60 proxectos xa inscritos.

Na apertura deste acto o o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, agradecía que se tivera escollido A Rúa para promover este espazo, destacando tamén a “importancia de xerar empresas, riqueza e emprego” no rural. Tamén estaban presentes o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,o alcalde do Irixo e o presidente da Mancomunidade do Carballiño, Manuel Cerdeira; o mentor residente da EOI en A Rúa, Lois Babarro; o director do IGAPE, Fernando Guldrís; e dúas experiencias de éxito de edicións anteriores: Álvaro Resines, de Algen, S.L. e Arantxa Jiménez, de Trictrack, S. Coop., que explicaban a súas experiencias.

 

Autoridades e participantes nos coworking, tras a presentación, no Concello da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta sexta edición, duplícanse os espazos cos que botou a andar a iniciativa en 2016 (froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Escola de Organización Industrial), sendo nesta convocatoria un total de 11 coworkings en toda Galicia. Conde sinalou que, dos catro novos lugares que acollerán esta iniciativa, tres están na provincia de Ourense, engadindo que un dos obxectivos é que esta rede na que os emprendedores poden recibir asesoramento e madurar os seus proxectos chegue aos concellos do rural galego para que cristalicen alí novas iniciativas empresariais.

Tal e como explicaba o responsable de Economía, Empresa e Innovación, a idea é que o número de proxectos en cada coworking se sitúe entre 16 e 22, adiantando que no espazo que se vai desenvolver na comarca de Valdeorras xa hai 18 inscritos, polo que animaba aos emprendedores a completar as prazas restantes; 20 na Mancomunidade do Carballiño e 19 na Tecnópole.

 

O conselleiro de Economía durante a súa intervención na Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

89 empresas e 122 empregos creados na provincia de Ourense

Ademais Francisco Conde facía balance do desenvolvemento desta iniciativa que vai xa pola súa sexta edición. Tras a realización das cinco edicións anteriores desta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), froitificaron na provincia de Ourense un total de 89 empresas, e creáronse 122 empregos. A nivel galego, un 54% dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos coworkings que se foron convocando consolidáronse como empresas. Así, son en total 384 novas inciativas, que permitiron a creación de 624 empregos en municipios localizados no rural, favorecendo a cohesión social e territorial.

A case a metade dos participantes nas diferentes edicións que se convocaron destes coworkings foron mulleres, en concreto 489, algo que, tal e como sinalou Conde, tamén anima a proseguir con esta iniciativa, e con outras medidas dirixidas máis concretamente a impulsar o emprendemento feminino, como o novo programa de capacitación dixital que se vén de poñer en marcha e no que van poder participar máis de 10.000 mulleres no rural galego.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Conde, que sinalou que apoiar os emprendedores é unha das prioridades da Xunta de Galicia, lembrou que se está elaborando a Axenda de Emprendemento, que recolle novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos innovadores, dixitais e sostibles.

Neste sentido, destacou que a rede de espazos de coworking está aberta a todo tipo de proxectos, e que ao mesmo tempo presta especial atención a ámbitos como o turismo (na sede de Vilanova de Arousa, na comarca do Salnés); o deseño e as novas tecnoloxías (Ferrol); o Camiño de Santiago (en Palas de Rei); o alimentario e a loxística (na Ribeira Sacra); e o audiovisual (en Santiago de Compostela). Tamén haberá un novo espazo coworking no Deza (Lalín), e repiten A Mariña (Mondoñedo); e A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button