Nunha situación marcada polo Covid-19 onde a prioridade é a saúde “pero tamén os sentimentos e desexos de poder honrar á nosa patroa, a Virxe dos Remedios, e dado que a situación deste concello é de absoluta normalidade con 0 positivos desde hai tempo”, en palabras da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, dende o Concello decidían organizar un programa de actos para desfrutar das festas dun xeito tranquilo e seguro.
Malia non poder celebrar a tradición centenaria da “posta de Bandeiras” na noite do día 6, como lembranza e apoio a esta tradición serán postas en diferentes zonas da vila pola tarde, sen música nin bombas, nin festa, nin aglomeracións. De xeito simbólico pero “as bandeiriñas artesanais feitas con papel de seda e fío de cáñamo lucirán tamén este ano en Castro Caldelas”, asegura a alcaldesa.
Con todo, o programa arrincará mañá martes 7 de setembro ás 12 horas, co pasarrúas da Banda de Vilanova dos Infantes, Os Trabazos e Airiños, presididos polo Irrio Peliqueiro. Tamén haberá ofrenda á Virxe dos Remedios no adro do Santuario e concerto da Banda na praza do Prado (aínda que nun principio non se esperaba celebrar concertos). Pola tarde, haberá contacontos para nenos ás 19h. no xardín do Santuario e ás 22:30h. concerto de María do Ceo (estaba previsto para o día 4 pero retrasouse) na praza do Prado (se chove será no Castelo).
Ao día seguinte, mércores 8 de setembro, haberá pasarrúas da Banda de Ramirás e ás 12:30h. misa solemne cantada polo coro da Banda que dará dous concertos: un pola mañá na praza do Prado e outro pola tarde, ás 19h. no xardín do Santuario. Pola noite, ás 22:30h. Pili Pampín dará un concerto na praza do Prado (se chove no Castelo).
E xa o día 9 de setembro, haberá pasarrúas cos Trabazos, misa cantada polo Orfeón Caldelas e concerto dos Trabazos na Praza do Prado.