PolíticaÚltima hora

Catalina González encabezará a lista do PSdeG-PSOE á alcaldía de Castrelo de Miño

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a súa candidatura en Castrelo de Miño de cara aos vindeiros comicios electorais que se celebrarán o 28 de maio. Catalina González Álvarez encabezará unha lista socialista que aglutina “experiencia, ilusión e a forza da mocidade”, unha combinación “clave” para gobernar un municipio que en palabras dos e das socialistas “precisa dun goberno forte, estable e progresista, que loite día a día por defender os intereses da veciñanza”.

O acto celebrado no albergue do náutico de Castrelo de Miño contou coa presencia do secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino; do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso; así como doutros cargos do partido na provincia e comarca, e de militantes e veciños.

A actual voceira socialista e candidata novamente á alcaldía de Castrelo, Catalina González Álvarez, subliñou durante a súa intervención que “hoxe é un día moi importante para Castrelo de Miño” e apuntou que se sentía “emocionada e ilusionada, pero sobre todo afortunada, por poder encabezar un proxecto de presente e de futuro para o meu municipio e para todos e todas vós”. A candidata do PSdeG-PSOE tamén destacou que “é unha gran honra defender, xunto con este equipo, unha determinada maneira de facer política, esa na que as conviccións e os intereses da veciñanza, están por riba dos mercadeos para intereses propios”.

“Non podemos perder de vista que o noso concello ten innumerables riquezas paisaxísticas, etnográficas, culturais, de biodiversidade e de riqueza humana”, explicou Catalina González, antes de sinalar que “o noso propósito vai ser a potenciación desas riquezas existentes, así como centrar todos os nosos esforzos en frear o despoboamento, e converter Castrelo nun concello atractivo para que as familias se instalen”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que a “resiliencia, a valía e o empuxe de Catalina González levará ao PSdeG-PSOE a gobernar en Castrelo de Miño por primeira vez na historia”. O líder dos socialistas ourensáns tamén aproveitou para sinalar que a veciñanza do municipio “conta cun PSOE forte, compacto e unido” e cunha cabeza de lista con “experiencia, forza, ilusión e esperanza para demostrar que en Castrelo de Miño hai futuro”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, destacou a “coraxe” de Catalina González, “unha muller preparada, valente e moi traballadora”, o cal pode comprobar de primeira man na dirección galega da que González forma parte. Puxo en valor a súa “ética persoal” logo do acontecido na moción de censura do ano 2020 que levou aos populares ao goberno local.

Esa “integridade e compromiso” que demostrou a candidata socialista, é para Formoso o mellor aval que pode ofrecer aos seus veciños e veciñas, polo que está seguro de que o recoñecemento aos seus valores se verá reflexado nas urnas o vindeiro 28 de maio.

Artigos relacionados

Back to top button