EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Catro traballos de investigación da Evega, nun encontro nacional sobre viticultura e enoloxía

Un total de 50 investigadores de 13 centros de toda España participan nesta xuntanza para abordar diferentes traballos relacionados co sector vitivinícola co obxectivo de potenciar a calidade dos viños nacionais

 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, está a participar na 36ª edición do Grupo de Traballo de Experimentación en Viticultura e Enoloxía, que se celebra en Logroño hoxe e mañá organizada polo Instituto de Ciencias da Vide e do Viño.

Na edición deste ano están presentes 50 investigadores pertencentes a 13 centros de toda España, que expoñerán e debaterán sobre 31 comunicacións que abranguen as diferentes temáticas de traballo na viticultura e a enoloxía. Entre as materias que se estudarán atópanse a selección clonal e o estudio do potencial de variedades minoritarias, a caracterización enolóxica dalgunhas desas variedades, os sistemas de predición e a eficiencia de determinados tratamentos fitosanitarios, a problemática das enfermidades da madeira; a microbioloxía do viño; control de fraudes e sistemas de cultivo sustentable na viña.

De feito, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia presenta nesta edición catro traballos relativos a temas de interese para a viticultura e a enoloxía que son “A selección clonal do Blanco lexitimo”; ”Aplicación de lévedos non-Saccharomyces na fermentación do mosto de Albariño e Lado”; “Residuos da Poda e o seu efecto na microbiota dos solos da D.O. Ribeiro”; “Incidencia de residuos de pesticidas nos solos: técnicas de manexo sustentable do solo para mitigar o seu impacto”.

Potenciar a calidade dos viños

O Grupo de Traballo de Experimentación en Viticultura e Enoloxía naceu co obxectivo de dar unha resposta técnica axeitada á necesidade de establecer unha plataforma de encontro e comunicación entre as institucións autonómicas e as persoas dedicadas a potenciar o coñecemento e a calidade dos viños en España.

A súa finalidade a día de hoxe é establecer un foro estable para o intercambio de experiencias, debate de puntos de vista, solución de problemas, e exposición de traballos e resultados, todo isto co gallo de potenciar as sinerxías entre os equipos que traballan nos eidos da viticultura e a enoloxía ao longo da xeografía española e obter uns resultados máis eficientes.

Nestas reunións participan aqueles centros dedicados á mellora do cultivo da vide, da elaboración e a calidade do viño e polo tanto inclúense as Estacións de Viticultura e Enoloxía, os Centros Enolóxicos, as Adegas Experimentais e outras institucións semellantes como o INIA, a CSIC ou as Universidades.

Artigos relacionados

Back to top button