O Concello de Celanova acolleu hoxe, 30 de xuño, unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro Iglesias, e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 2 de decembro de 2016, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá e fixeron fincapé na importancia de colaboración entre a Policía Local do Concello de Celanova e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Na Xunta Local de Celanova analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante entre xaneiro de 2016 a maio de 2017, e que expresan “unha tendencia considerable á baixa na totalidade das infraccións penais, sendo esta baixada máis acusada no referente aos delitos”. Os índices de esclarecemento soben levemente e as detencións descenden. Tamén descenden lixeiramente as infraccións contra a seguridade vial e se manteñen estables as infraccións administrativas.