Son peticións urxentes, posibles e viables a curto prazo, que foron aprobadas por unanimidade e por todos os grupos políticos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Trátase de 100 medidas que esta entidade supramunicipal vén de presentar e que considera necesarias para “garantir un trato xusto co territorio galego e especialmente o recoñecemento do papel dos gobernos locais”. O documento, que se daba a coñecer na mañá do 10 de abril, é resultado dun ano de traballo por parte da Comisión de Expertos na materia e está sustentado en informes e cifras reais.
Así, segundo se destacaba na presentación, a comisión impulsada pola Fegamp analizou polo miúdo catro piares básicos que deben reformularse no actual marco legal: financiamento, xestión orzamentaria, competencias e territorio. “Os concellos son a administración máis próxima á veciñanza e sen dúbida algunha motor clave no desenvolvemento económico e demográfico, especialmente no medio rural. Nun momento no que os concellos están sendo sinalados como problema do país, os estudos hoxe presentados reivindican a súa existencia e, sobre todo, a súa función de apoio e axuda ás xentes do rural”, aseguraban os representantes da Fegamp, entre os que estaba o alcalde barquense, Alfredo García.
Tamén se indicía en que as conclusións da Comisión poñen de manifesto “a boa xestión económica e de prestación de servizos realizada, reclamando 100 medidas que suporían: un reparto dos recursos igualitario, tanto por parte do goberno central, da Xunta e das Deputacións.; un aproveitamento máis eficiente deses recursos; unha mellor prestación dos servizos á cidadanía e un modelo de proximidade que teña en conta a realidade territorial galega”.
As medidas foron presentadas polo presidente da Comisión, o catedrático da USC e ex conselleiro maior do Consello de Contas, Antonio López Díaz; o presidente da Fegamp, Alfredo García; o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares; o vicepresidente segundo, Evencio Ferrero e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás.
Fotos: Miguel Muñiz.