En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Centos de enmascarados toman Viana do Bolo

A vila acollía na tarde do sábado 13 de xaneiro a primeira xornada da IV Mascarada Ibérica coa participación de máis de case corenta festas de inverno da península

Entre os saltos dos Boteiros e o atroador son dos bombos da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso poñíase en marcha na tarde do 13 de xaneiro en Viana do Bolo a cuarta edición da Mascarada Ibérica no oriente ourensán. Nela participaban preto de 40 festas de inverno da península ibérica, das cales case a metade son Entroidos da provincia de Ourense.

Na primeira xornada deste evento etnográfico desfilaban por Viana do Bolo numerosos folións de Viana, así como o de Buxán (O Bolo) ou o da Mourela p’acá de Manzaneda, xunto con máscaras como o Touro ou o Xigante de Celanvente, as Pantallas de Xinzo, os Cigarróns de Verín, os Vergalleiros de Sarreaus, os Felos de Maceda, as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande ou os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros.

Había outros Entroidos de Galicia como o Ribeirao (Chantada) cos seus coloristas Volantes, os Xenerais da Ulla (A Coruña) da cabalo e cos seus atranques, así como o Entroido de Cobres (Vilaboa, Pontevedra) e os Merdeiros (Vigo). E non faltaban tampouco os Sidros de Valdesoto (Asturias).

Ademais podían verse por vez primeira mascaradas de inverno como a Vijanera (Silió, Cantabria), cunha sorprendente comitiva de enmascarados onde sorprendían un xigantesco oso co seu amo ou os chamativos e sonoros zamarracos con oito “campanos” á cintura. De Cantabria viñan tamén os Zamarrones Carabeos cun fermoso pucho ou o Antruido de Pare (Piasca). Notable era tamén a participación portuguesa cos Caretos de Lazarim e Parada, xunto co Careto de Valverde, o Chocalheiro de Bemposta ou os Velhos de Bruçó, entre outras figuras.

Da provincia de Zamora había celebracións vencelladas ao inicio do novo ano como a Talanquera e Visparra de San Martín de Castañeda (Sanabria) e o Atenazador de San Vicente de la Cabeza e, por primeira vez, acudían o Antruejo de Carrizo de la Ribera (León) e os Diablos e Mascaritas de Luzom (Guadalajara).

Tras o desfile a organización ofrecía unha cea aos grupos participantes no pavillón polideportivo de Viana. Ademais entregáballes un agasallo en agradecemento pola súa asistencia. Esta mascarada está sendo organizada pola Comisión do Entroido 2018 de Viana do Bolo, pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e a Saga en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

A mascarada continuaba na mañá do domingo 14 de xaneiro en Vilariño de Conso.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis fotos: https://osil.info/mais-fotos-da-iv-mascarada-iberica-viana-bolo/
Fotos da cea da Mascarada en Viana en
https://osil.info/cea-da-iv-mascarada-iberica-viana-bolo/

Mascarada Ibérica en Vilariño de Conso:
https://osil.info/iv-mascarada-iberica-enche-de-rituais-de-inverno-vilarino-de-conso/
https://osil.info/mais-fotos-da-iv-mascarada-iberica-nas-ruas-de-vilarino-de-conso/

Artigos relacionados

Back to top button