SanidadeÚltima hora

“Chamamos á poboación a participar na concentración do 30 de xuño para pedir unha sanidade digna”

O presidente da Xunta de Persoal do Hospital de Valdeorras di que "hai unha deixadez total, dende o noso punto de vista, por parte da Xunta co tema sanitario"

 

Entre aplausos remataba, un xoves máis, as concentracións semanais que en defensa dunha “sanidade pública digna” para o oriente ourensán leva convocando dende abril ás 12h. a Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco. “Hoxendía en Galicia somos os únicos que mantemos as concentracións periodicamente para demandarlle á Xunta de Galicia unha sanidade digna para este Distrito e imos seguir facéndoo. E confiamos en que o día 30 de xuño ás 20:30h. a poboación responda ao noso chamamento, á nosa queixa de falta de proxectos para a sanidade e en que isto realmente sirva de algo e que a Xunta se poña a traballar por mellorar a nosa sanidade e non a siga denigrando”, dicía o presidente da Xunta de Persoal do hospital valdeorrés, Víctor Pariente.

Así mesmo incidía en que “mande quen mande, e estea quen estea, imos seguir reclamando unha sanidade en condicións e non imos frear no impulso de seguir defendendo a sanidade pública e mantendo que hai que mellorala no Distrito de Valdeorras. Por moito que digan, non nos van confundir asegurando que o problema é puntual e non estrutural, mentres non se colla o touro polos cornos malamente se vai dar unha solución a esta situación”.

Víctor Pariente tamén se refería ás manifestacións que facía onde o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun debate sobre a situación sanitaria na comunidade. “O propio presidente da Xunta di que se fora un problema de cartos isto estaba solucionado, pois claro que tamén é un problema de cartos, e se non está solucionado é porque ao mellor non se pon todo o necesario enriba da mesa para que se resolvan os problemas que temos neste distrito, e no conxunto de Galicia. Claro que é un problema de cartos, histórico ademais polos recortes de hai 10 anos que agora estamos pagando vía falta de especialistas”, dicía Pariente, que considera que “os problemas sanitarios hai que solucionalos fidelizando aos traballadores cos hospitais e cos centros de saúde. Se non se fan atractivos, malamente pode ir ninguén a traballar a eles, porque se formamos MIR e despois marchan a traballar a outras comunidades autónomas por algo será. Pode ser que non se lle dea a suficiente garantía de estabilidade e de garantía profesional, laboral, etc.

O presidente da Xunta de Persoal do HPV insistía en que “hai unha deixadez total dende o noso punto de vista por parte da Xunta co tema sanitario e a noso distrito iso inflúelle bastante máis que a outros. Vemos unha situación de relaxación co problema que nos leva a que cada día esteamos peor e esa é a crúa realidade, e iso é polo que estamos aquí todos os xoves demandando unha sanidade digna para o oriente ourensán, que por ende é unha sanidade digna para toda Galicia”, concluía, agradecendo a presenza dos asistentes á concentración e emprazando á veciñanza para a concentración do vindeiro xoves 23 de xuño ás 12h.

 

Artigos relacionados

Back to top button