SanidadeÚltima hora

Charlas sobre sexualidade no posparto e sobre lactación materna, en maio no Barco

Esta actividades formativas están organizadas por De Nai a Nai e terán lugar os días 16 e 24 de maio no local desta asociación

Lorena Prada nunha actividade formativa impartida anteriormente por De Nai a Nai./ Foto: A.R.

 

Neste mes de maio a Asociación De Nai a Nai ten previsto organizar dúas actividades formativo-divulgativas. A primeira delas, prevista para o 16 de maio, será unha charla sobre sexualidade no posparto, na que se contará como ponente con Mirena Selecto Soto, diplomada universitaria en Enfermería, especialista en Enfermería Obstétrico –Xinecolóxica (Matrona), e sexóloga.

Os obxectivos desta formación son “comprender a importancia dos aspectos e peculiaridades que teñen a etapa do postparto en relación coa sexualidade humana, manexar os coñecementos biolóxicos psicolóxicos e das relacións de parella na etapa postparto, adquirir coñecementos para alcanzar benestar e satisfacción na etapa postparto en relación coa sexualidade, integrar a sexualidade como un parte fundamental da vida do ser humano e mellorar a comunicación de parella nesta etapa”, segundo adianta a Asociación De Nai a Nai

Para poder asistir á charla, que é gratuíta, será necesario inscribirse en denaianai@gmail.com. A cita será o luns 16 de maio ás 17 h. no local da asociación no Barco, situado na rúa Academia Dequidt nº6 – 4º piso (enriba da biblioteca pública).

 

 

Ademais, esta asociación organizará en maio outra charla neste caso para “resolver as dúbidas máis frecuentes sobre lactación materna. Falaremos do cambio de identidade que supón para unha muller converterse en nai e da importancia de sentirse acompañada nesta etapa que precisa dun reaxuste interno. E do papel da parella, o seu apoio é fundamental para o mantemento da lactación, sobre todo cando se presentan dificultades”, destaca a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada, que será ademais a ponente desa conferencia, prevista para o 24 de maio ás 17:30h. no local da asociación.

Tamén se abordará o “coñecemento de como se poden desenvolver os primeiros en casa e cales son as dificultades máis frecuentes, preparar ás novas nais a afrontar a súa maternidade dunha maneira máis positiva. Desmontaremos os mitos máis coñecidos sobre a lactación materna e ofreceremos ferramentas para afrontar as dificultades”, indica Prada.

 

 

Asemade trataranse cuestións de lactación materna como “identificar un bo agarre, unha adecuada inxesta, saber por que se producen as gretas e como actuar en caso de mastitis, son algúns dos obxectivos deste taller”, avanza Prada, que é IBCLC (Consultora Internacional da Lactación Materna Certificada). Despois da charla darase paso a un coloquio onde se resolverán as cuestións das persos asistentes e compartiranse experiencias doutras nais.

Nesta charla, que tamén é gratuíta, resultará necesario facer unha inscrición previa en denaianai@gmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button