EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Chega a segunda edición do proxecto RecomendaValdeorras para promover o turismo na comarca

A súa presentación está prevista para o vindeiro 18 de outubro na Casa Grande de Viloira (O Barco)

Vista de Covas (Rubiá), no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Lánzase a segunda edición do proxecto RecomendaValdeorras, unha iniciativa que se presentará o 18 de outubro e que busca impulsar e poñer en valor os recursos turísticos da comarca e que agora aposta por ampliar o alcance do proxecto. “Nesta segunda edición, o proxecto inclúe unha formación teórica e práctica en dúas sesións, deseñada para capacitar aos participantes como referentes turísticos da comarca. Aqueles que participen nestas formacións terán a oportunidade de converterse en Recomendadores/as oficiais da comarca de Valdeorras, adquirindo un profundo coñecemento dos recursos históricos, culturais, paisaxísticos e enoturísticos da zona. Ao finalizar as xornadas, os asistentes que superen a formación recibirán un diploma acreditativo que certifica a súa participación e recoñéceos como Recomendadores/as oficiais do proxecto”, tal e como se explica dende a Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), que promove o proxecto en colaboración coa Axencia de Turismo da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

As xornadas cubrirán temas clave, como os recursos históricos, culturais e enoturísticos de Valdeorras, con saídas de campo que permitirán aos asistentes aplicar de maneira práctica o aprendido. Ademais, haberá un taller de fotografía móbil onde os participantes aprenderán a capturar imaxes impactantes para promover a beleza da comarca en redes sociais.

O equipo de formadoras estará composto por expertas en turismo e guías oficiais de Galicia. Tamén se ofrecerá un taller especializado en fotografía móbil, e impartirase formación en traballo en equipo e organización de eventos.

As inscricións, con prazas limitadas, para estas formacións xa están abertas e pódense realizar a través da seguinte ligazón: https://www.empresariosdevaldeorras.com

Datas clave do programa formativo:

Sábado, 19 de outubro: Formación teórica (10:00-14:00) e saída de campo (17:00-21:00).
Sábado, 26 de outubro: Formación teórica (17:00-21:00).
Domingo, 27 de outubro: Saída de campo (10:00-14:00).

Presentación do Proxecto

A presentación oficial e completa da segunda edición de RecomendaValdeorras terá lugar o próximo 18 de outubro ás 12:00 horas na Casa Grande de Viloria, no Barco de Valdeorras, e contará coa presenza de autoridades, como Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, Araceli Fernández, presidenta de AEVA e outras autoridades de ámbito local e provincial.

Back to top button