OurenseÚltima hora

A CHMS retira máis dunha tonelada de lixo do río Barbaña en Ourense

A maior concentración de lixo estaba na contorna da Praza de Abastos, lugar onde se celebra a Feira
Caixas de cartón, animais mortos, botes ou bolsas son algúns dos residuos que se recolleron. 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) continúa coas labores de roza, clareos e limpeza do río Barbaña.

Estas actuacións son acometidas polo Organismo de conca cunha brigada que se encarga da retirada dos obstáculos que supoñan un risco de avenidas ou inundacións nas canles , así como as labores de conservación e limpeza dos mesmos, enmarcadas nos traballos de restauración hidrolóxico-forestal e mellora da conectividade de canles da conca do Miño, iniciadas nos primeiros días de xullo, nos que a CHMS investirá máis de 125.000 euros.

En canto ao río Barbaña, polo seu carácter urbano e sobre todo pola súa proximidade ao lugar de celebración da Feira, os días 7 e 17 de cada mes, de xeito recorrente vese afectado por unha importante cantidade de residuos sólidos urbanos.

Polo momento, foron retirados máis dunha tonelada de plásticos, cartóns, botes, bolsas, restos de animais mortos, bandexas de poliespan con restos de comida, entre outros obxectos ; informaron dende a CHMS.

Dende este Organismo “consideramos que a Feira é unha actividade moi importante para o desenvolvemento e economía da capital, se ben, é necesaria unha maior concienciación social de colaboración no mantemento, coidado e respecto dos nosos ríos”, aseguraron.

Dende a CHMS solicitan a colaboración da cidadanía para manter limpas as marxes do Barbaña.

Artigos relacionados

Back to top button