ConcellosO BarcoÚltima hora

Preto de 300 usuarios participan no proxecto para a reciclaxe de residuos orgánicos no Barco

O prazo para solicitar o cubo especial e a chave que abre os contedores situados nas rúas aínda está aberto

 

En torno aos 300 usuarios participan xa no proxecto “Voluntariado marrón” posto en marcha polo Concello do Barco de Valdeorras para a recollida selectiva de lixo orgánico en contedores específicos de cor marrón. Deses 300 inscritos, preto de 40 son empresas (comercios, restaurantes e supermercados), e institucións como centros de ensino con comedor escolar, hospital, residencias de anciáns e outros.

A instalación dos colectores realizouse a primeiros de xaneiro, e desde entón está aberto o prazo para que os interesados se inscriban para poder dispor da chave que dá acceso aos colectores instalados na vía pública. “A participación estase a incrementar de xeito gradual, e nestes momentos recóllense aproximadamente 500
quilos de residuos orgánicos nos 45 colectores situados nas rúas, e outros 7 entregaron en supermercados, hospital e residencia de anciáns”, puntualizan dende o Concello, engadindo que a recollida deste colectores para o seu traslado á planta de reciclaxe estase a realizar os luns e os venres.

 

 

Ademais, dende o Concello lembran que todos os que queiran sumarse a esta iniciativa poden conseguir a chave coa que se abren os contedores situados nas rúas, pasando polo edificio Multiusos, en horario de oficina, para inscribirse e recibir un cubo de 10 litros de capacidade, un paquete de bolsas biodegradables e a chave coa que se abren os contedores marróns.

O colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos, pretende avanzar na adaptación do sistema de recollida de lixo no Barco aos novos criterios de xestión de residuos que indican tanto desde Europa como desde a Xunta de Galicia, e tamén lograr que o proceso de recollida de lixo sexa máis sostible. Para logralo, é moi importante a implicación da cidadanía, razón pola que se realizou unha xornada de información e sensibilización o 21 de decembro pasado.

Os residuos que poden ir neste colector marrón son exclusivamente os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos e froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cocina, restos de plantas, cortizas, e en definitiva calquera resto orgánico. Por contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.

Artigos relacionados

Back to top button