En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Cholo e Nela conquistan Manzaneda

A Convivencia de Educación Infantil celebrou a XXI edición “polo medio”

Vintún anos despois do seu nacemento, da man dun grupo de docentes coa intención de mellorar e dinamizar as relacións da comunidade educativa, tratando temas transversais e fundamentais para o desenvolvemento educativo como é o da lingua galega, a Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela seguen sorprendendo e conquistando a pequenos e maiores.

Despois de dúas edicións seguidas no Barco de Valdeorras, a última para celebrar por todo o alto do XX aniversario no mesmo colexio no que comezou a súa andaina (o Julio Gurriarán), Cholo e Nela volvían viaxar e este ano chegaban por primeira vez ata Manzaneda. O colexio e arredores da vila acollían na xornada do 31 de maio a máis de 400 cativos de todos os colexios do oriente ourensán (excepto o de Vilariño de Conso que este ano non foi) ademais do de Cubillos del Sil (León) que se sumou á convivencia. Tamén había 350 pais e 80 mestres para garantir o desenvolvemento da actividade.

Co medio ambiente como fío condutor, un tema de máxima actualidade especialmente despois da vaga de lumes do pasado verán, a xornada comezaba coma sempre en torno ás once da mañá coas diferentes rotacións. No apartado de obradoiros, orixinais actividades centradas na pintura (con esponxa, sobre a cara, sobre tea,…), nas sementes, xogos con auga,…; no interior do pavillón os brincadeiros foron un foco de atención. Igual que as exhibicións, contando coa colaboración de Protección Civil de Manzaneda, da Pobra de Trives, A Rúa, Ourense, A Veiga e Xinzo; dos Bombeiros de Galicia (consorcio CIS Valdeorras); de Ambulancias Sil,… Os cativos desfrutaron coma sempre subindo aos camións (tamén había un quitaneves), á lancha e mesmo a un trineo, asistindo a pequenas clases de primeiros auxilios no hospital de campaña.

Trala intensa mañá chea de actividade e despois de xantar, o broche á xornada poñíao unha actuación musical moi especial a cargo dos propios profesores que interpretaron, por primeira vez en directo e acompañados polo produtor da discográfica Casa de Tolos Segundo Grandío, temas do disco que editaron o ano pasado precisamente para conmemorar os “20 anos de Cholo e Nela dando a nota”.

A xornada contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e da xefa territorial de Educación Mari Luz Fernández.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button