
Cun programa de manualidades, contacontos, conferencias, presentacións de libros e obradoiros ao longo do mes de outubro celebrará a Biblioteca Pública Municipal de Verín o día Internacional da Biblioteca, cuxa data é o 24 de outubro. “Por este motivo queremos ter un ciclo de actividades”, explican dende esta entidade.
O programa comezaba o pasado 2 de outubro coa actividade interxeracional “Ti tamén chegarás a vello”, que incluía contacontos e manualidades, para socios/as (de 3 a 9 anos) e os seus avós. Foi organizada conxuntamente coa Área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios. Para o vindeiro 9 de outubro está previsto o contacontos “Contos do pavo real”, tamén con manualidades, e que está dirixido a socios/as de entre 3 e 9 anos.
O apartado de conferencias abrirase o 15 de outubro ás 19:30h. da man do antropólogo ourensán Manuel Mandianes, quen falará sobre “A traxedia da emigración”. Ademais o 21 de outubro Miguel Losada (da SAGA) impartirá unha nova ponencia, desta volta sobre “O mundo da morte, as ánimas e os defundos na cultura galega”.
Con contacontos e manualidades para socios celebrarase o 23 de outubro o Día da Biblioteca. Ademais os días 27 e 28 desenvolverase un obradoiro de cabazas do Samhain para 5 nenos/as (de 3 a 9 anos) cada un dos días e previa inscrición. Dende a biblioteca tamén matizan que “será obrigatoria a presenza de acompañantes”.
Por outra banda, o 29 de outubro presentarase a obra “Amigo medo” de Javier López Rodríguez. O acto está programado para as 19:30h. O programa deste mes de outubro na Biblioteca Municipal de Verín completarase o día 30 con “Samhain na Biblioteca”, contacontos e manualidades para socios/as (de 3 a 9 anos).