OurenseÚltima hora

O ciclo “Veranearte 2017” do Cineclube Padre Feijóo trae dúas animacións niponas

O luns 21 proxectarán, na praza de San Marcial  “Porco Rosso”, e o luns 28 será a quenda de “O meu veciño Totoro”, ambas do director Hayao Miyazaki
Fotograma de “O meu veciño Totoro”.

O verán está a piques de marchar pero dende o Cineclube Padre Feijóo seguen a refrescar as noites estivais co seu ciclo “Veranearte 2017”. Para este segundo segmento do ciclo, traerán dúas animacións niponas dirixidas por Hayao Miyazaki.

A primeira proxección será este luns, 21 de agosto, na Praza de San Miguel ás 22:00 horas. Neste día os espectadores poderán gozar de “Porco Rosso” (Kurenai no buta), unha película ambientada na Italia de entreguerras que permitiu ao director xaponés recrear a súa fascinación polo mundo da aviación clásica.

Estreada en 1992, o argumento central xira en torno a un porco aviador que frustra todos os actos de piratería perpetrados polos piratas aéreos do Adriático. Estes, decididos a rematar co valente e hábil aviador, póñense de acordo para contratar a un aventureiro americano cuxa misión será eliminalo.

 

E a semana próxima, luns 28 de agosto, será a quenda do afamado filme “O meu veciño Totoro”. Baseada nos anos 50, unha familia xaponesa trasládase ao campo. As dúas fillas, Satsuki e Mei, fan amizade con Totoro, un espírito do bosque. O pai é profesor universitario que estimula a imaxinación das súas fillas relatándolles fábulas e historias máxicas sobre trasnos, pantasmas e espíritos protectores dos fogares. Pola súa banda, a nai das rapazas atópase enferma no hospital.

 

A entrada será de balde até completar o aforo da praza de San Marcial.

Artigos relacionados

Back to top button