SanidadeÚltima hora

CIG Saúde alerta da situación do servizo de hematoloxía do HPV, cun só profesional

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A central sindical CIG-Saúde de Valdeorras vén de amosar, a través dunha nota de prensa, a súa preocupación pola actual situación do servizo de hematoloxía do Hospital de Valdeorras “xa que dende o mes de xaneiro está sen un unha das dúas hematólogas que tiña de dotación, tendo esta única profesional que desenvolver toda a actividade facultativa de hematoloxía e padecendo a cidadanía do noso distrito sanitario os problemas derivados do peche dunha das dúas consultas e o inadmisible risco que isto implica para a nosa saúde e vida”.

CIG Saúde tamén lembra que a hematoloxía “cumpre unha función indispensable no control do Sintrom, no tratamento do cancro , nas transfusións, nos estudos preoperatorios, nas análises de laboratorios, interconsultas etc.”, e neste senso “a falta de cobertura desa praza, ou como mínimo o apoio con hematólogos desprazados doutros lugares ata a cobertura definitiva, fai que hoxe haxa xa máis de 380 pacientes pendentes de consulta, múltiples reclamacións e unha excesiva carga de traballo sobre a única profesional que quedou”.

Este sindicato sanitario critica que a xerencia de área decidira facer “aproximadamente a metade das gardas deste servizo dende Ourense por vía telefónica. A CIG rexeita esta actitude e falta de respecto ao nosa área sanitaria e os profesionais por parte da xerencia, e advirte das consecuencias que podería ter un suceso como unba baixa por enfermidade da actual e única hematóloga. Advertimos de que ante unha situación de ausencia da única hematóloga que temos os nosos pacientes deberían ser derivados a Ourense co custe e as dificultades que isto conleva, e co inadmisible risco sanitario que implica”.

Por iso o sindicato pide a “inmediata cobertura desa praza con profesionais de presenza física e animamos aos pacientes a implicarse na defensa dos seus dereitos cada vez mais cercenados”.

A resposta da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Ante estas manifestacións de CIG Saúde, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco respóndese lembrando que o “pasado 25 de maio o DOG publicou a convocatoria pola vía de concurso de méritos, sen exame, para acceder a dúas prazas, con carácter fixo, de especialistas de hematoloxía e hematoterapia no Hospital Público de Valdeorras, dun total de 21 prazas convocadas neste centro. Foi unha innovadora iniciativa coa que o Servizo Galego de Saúde está a dar resposta a dificultade de cobertura de persoal facultativo neste e noutros hospitais galegos, especialmente nos comarcais”.

Así mesmo a xerencia da área ourensá matiza que, no caso de hematoloxía, das dúas prazas existentes, neste intre o hospital conta cun especialista en activo, que grazas á coordinación co Servizo de Hematoloxía de Área está a cubrir sen incidencias a actividade asistencial de Valdeorras. A situación ideal é ter no centro aos dous profesionais con que esta dotado, obxectivo que se espera lograr ao remate do proceso selectivo, agora mesmo en marcha, como xa se fixo nas dúas convocatorias previas de atención primaria e que permitiron cubrir en Ourense 23 prazas de difícil cobertura, entre elas nos centros de saúde de O Barco, A Rúa, Petín, Larouco, Carballeda ou Rubiá”.

Artigos relacionados

Back to top button