SanidadeÚltima hora

CIG Saúde Valdeorras: “O noso distrito sanitario volve ser de novo abandonado e as nosas xentes ignoradas”

O sindicato vén de emitir un comunicado valorando a votación en contra do PP no Parlamento de Galicia ante as emendas do BNG que pedían financiamento específico para necesidades do Distrito Sanitario de Valdeorras no orzamento galego do vindeiro ano

Entrada principal ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco.

 

Dende o sindicato CIG Saúde vén de emitirse un comunicado de prensa amosando o seu “desconcerto, repulsa e indignación” tras a votación que se producía esta mañá na Comisión 3ª de Facenda e Contas do Parlamento galego, que nestes días está a abordar o proxecto de orzamentos de Galicia para o vindeiro ano. Nesta comisión o grupo parlamentario do PP votaba en contra de varias emendas presentadas polo BNG pedindo financiamento específico para unha serie de demandas expresadas pola cidadanía na manifestación celebrada o 28 de novembro no Barco en defensa do Distrito Sanitario de Valdeorras.

“O Partido Popular votou nesa comisión en contra da creación dunha base medicalizada do 061 no distrito sanitario de Valdeorras que puidese dar apoio aos traslados urxentes de pacientes cara Ourense e de atender posibles accidentes graves nas estradas e canteiras, ou demais posibilidades, como se pedía nas concentracións destes meses pasados ante o Hospital de Valdeorras e na posterior manifestación multitudinaria no Barco. Nesta comisión o Partido Popular votou igualmente en contra da construción do novo Centro de Saúde da Rúa no vindeiro ano, ou da creación dunha unidade de pneumoloxía e silicose no Hospital Público de Valdeorras, e tamén da dotación extraordinaria para cubrir as prazas de radioloxía que se precisan en Valdeorras. Dende esta central sindical manifestamos o noso desconcerto, repulsa e indignación ante a nova mostra de desprezo coa que o PP afronta ás xentes e territorio deste distrito sanitario”.

Neste senso, a central sindical valdeorresa critica neste comunicado as declaracións feitas polo conselleiro de Sanidade tres días antes da manifestación, cualificándoas de “mentiras e postureo” e aseguran que o “noso distrito sanitario volve de novo a ser abandonado, as nosas xentes ignoradas, e as nosas comarcas desprezadas”.

Artigos relacionados

Back to top button