
Cinco serán os olivicultores que participen na XXIII Mostra do Aceite de Quiroga que se celebrará o domingo 14 de maio nas Farrapas, en Bendilló. O pasado luns concluía o prazo para formalizar as inscricións para participar nesta Festa de Interese Turístico de Galicia, nas que se esixía como requisito imprescindible contar co rexistro sanitario vixente e ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite.
Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga e Pedro Soto Losada son os olivicultores que poñerán á venda o Aceite de Oliva Virxe Extra de Quiroga, que xunto coa recreación da elaboración tradicional no muíño serán os puntos centrais desta xuntanza.
O programa da Mostra comezará ás once e media da mañá coa posta en marcha do muíño e a apertura dos postos de venda de aceite e produtos típicos. Para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas proxectábase un vídeo no que se pode ver como é este proceso.
Nesta xornada non faltará a música e o baile tradicional que virán da man dos grupos locais, o Recanto, San Martiño e Arume da Queiruga.