SanidadeÚltima hora

Cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da comarca do Carballiño

“Galicia é a única comunidade aútonoma na que un médico pode rematar o MIR e obter praza fixa no sistema no mesmo ano”, remarca o conselleiro de Sanidade

 

“A Xunta ofertará cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da Comarca do Carballiño”. Así o sinalaba esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizaba ao Centro de Saúde de Punxín, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial.

Desas cinco prazas, “unha será no centro de saúde de Punxín, outra no de Irixo e tres no de Carballiño”, indicaba o conselleiro, “estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica dos centros de saúde desta comarca nos vindeiros dous anos. Neles teremos ese núcleo de cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”.

García Comesaña remarcou que “toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas de medicina de familia. Estábamos a ver como determinadas prazas quedaban desertas nos concursos de traslados ou na elección de praza despois dunha oposición, e decidimos que a Xunta tiña que facilitar que a veciñanza destes concellos tivese asistencia sanitaria nas mesmas condicións que o resto”. “Por iso a Xunta está a posibilitar que as prazas de difícil cobertura se convoquen sen oposición, mediante un concurso de méritos”.

“Galicia foi a primeira comunidade en implantar este sistema de acceso mediante concurso, a través de habilitacións legais extraordinarias, e semella que agora vaise xeneralizar a nivel nacional”, sinalou o máximo responsable da sanidade pública galega.

 

 

Medidas autonómicas

O conselleiro incidiu en que, dende a Xunta, e ante o problema da falta de médicos, “imos manter esta política de tomar todas as medidas que estean na nosa man para dar cobertura sanitaria a todo o territorio, e para incentivar que se ocupen as prazas que teñen demostrado ser de difícil cobertura”.

“Seguiremos avanzando nestas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de especialistas”. Ao respecto, -proseguiu Comesaña-, “a Xunta fixo a súa parte este ano coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, o 100% das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”.

De feito, -incidiu o conselleiro-, máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España este ano proceden de Galicia. “Todo para garantir aos pacientes a asistencia sanitaria que merecen”.

Artigos relacionados

Back to top button