O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do Festival do Circo e do Humor que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de outubro nos concellos de Boborás e Castrelo de Miño.
Acompañado dos respectivos alcaldes, Patricia Torres e Avelino Pazos, o delegado territorial explicou que se trata dunha iniciativa encadrada no compromiso da Xunta de Galicia por impulsar e apoiar unha programación diversificada e plural, así como distribuída pola xeografía galega, e que contribúe así á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e á promoción da cultura en Galicia.
Gabriel Alén sinalou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, da que se poden beneficiar institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos a través dunha liña específica de axudas.